Escoitar

O Concello, axentes e profesionais debaten sobre dinámicas de promoción turística de Vigo

A Mesa de Traballo de Turismo de Vigo, organizada polo goberno local, senta a profesionais e axentes do sector para avaliar e debatir dinámicas de promoción de Vigo como destino turístico. Na sesión deste venres, inaugurada polo alcalde, participaron representantes da Barcelona Convention Bureau e da Sociedade Mixta de Turismo de Xixón como casos de éxito.

venres, 3 mai 2013
1367594030turismo.JPG
No edificio municipal de Areal, Abel Caballero inaugurou a sesión celebrada hoxe venres da Mesa de Traballo de Turismo de Vigo, unha iniciativa do goberno local que aúna axentes e profesionais do sector co obxectivo de plantear un debate sobre perspectivas na xestión do turismo e as capacidades de colaboración entre o público e o privado.

Na cita desta mañá foron analizadas, coa participación dos seus representantes, os casos de éxito da Barcelona Convention Bureau e da Sociedade Mixta de Turismo de Xixón, como apoio ás opcións de cooperación público-privadas na maior cidade de Galicia.

A través das experiencias de Xixón e Barcelona, a Mesa realizou unha sesión técnica seguida dun debate entre os axentes locais e as institucións de Vigo para a presentación das súas experiencias e propostas de traballo. A desestacionalización da oferta turística e as capacidades de Vigo como receptor de turismo profesional sirven, entre outras propostas, de base para analizar as posibilidades de desenvolvemento e especialización de Vigo como destino turístico.

O Concello de Vigo organiza esta Mesa de Traballo como ferramenta de desenvolvemento e apoio aos axentes e profesionais do turismo local, proporcionando os elementos de debate axeitados para pór en relevo as necesidades e posibilidades que precisa o sector de cara ao contexto actual no eido turístico.

Peinador
Segundo explicou ante os medios de comunicación, o alcalde expuxo a "vocación" municipal de respaldar o aeroporto de Vigo contra a "competencia desleal" de Oporto, Santiago e Coruña, terminais con subvencións públicas, e "buscar solución" para facerlle fronte.
Descargar todas as imaxes