Escoitar

O Concello estuda eximir do recargo na taxa de basura aos afectados pola folga en Correos

O alcalde anunciou hoxe martes que os servizos xurídicos municipais estudan como poder ampliar o prazo voluntario e eximir así do pago do 5% de recargo no recibo da basura aos veciños de Vigo afectados pola folga en Correos, que provocou que moitas familias recibiran a liquidación nas súas casas pasado o periodo voluntario.

martes, 21 ago 2012
Pese a que a normativa estipula a obrigatoriedade do pago aínda sen recibir o recibo nos domicilios, o alcalde avanzou hoxe martes que se estuda "non cobrar o recargo" mediante unha ampliación do periodo voluntario de pago porque non houbo "mala vontade" por parte dos veciños.

"Estamos vendo qué mecanismo legal podemos utilizar para non cobrar o recargo, a nosa vocación e vontade é non cobralo, cremos que non é xusto", asegurou Abel Caballero, que dixo que "estamos agardando os dítames xurídicos para eximir o pago do recargo e imos utilizar todos os mecanismos ao noso alcance para que os cidadáns paguen o recibo normal".