Escoitar

A Corporación pide que o Centro Cívico de Teis siga xestionado pola Asociación de Veciños do barrio

Dúas mocións plenarias, presentadas polo BNG e o PP, foron aprobadas este luns cos votos de ambos grupos e a abstención socialista, pedindo ao goberno local que renove o convenio polo que a AVV de Teis xestiona o Centro Cívico do barrio, unha vez o Concello comunicou a non renovación do mesmo. Por outra banda, o Pleno acordou solicitar do goberno central que clarifique a cobertura sanitaria para os parados de longa duración.

luns, 26 dec 2011
Nacionalistas e populares solicitaron ao goberno local que renove para 2012 o convenio anual polo que, desde hai nove anos, a Asociación de Veciños de Teis xestiona o Centro Cívico do barrio vigués.

Ambos grupos demandan a sinatura do acordo bilateral polo que o Concello achega 55.000 euros á entidade veciñal para facerse cargo do Centro Cívico, sendo este o único dos catro municipais xestionado por unha asociación veciñal. O goberno local comunicoulles a non renovación do convenio e avoga por recuperar a xestión para "dinamizar" o centro e en aras da "austeridade".

INSS
Unha moción do grupo municipal popular saíu este luns adiante co apoio dos socialistas e a oposición nacionalista, relativa á cobertura sanitaria dos parados de longa duración. O texto demanda ao Goberno de España que unifique os criterios para que o recoñecemento do dereito á prestación sanitaria sexa exercido polos servizos de saúde das Comunidades Autónomas.

Tamén reclama que o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) comunique calquera incidencia aos usuarios relativa á asistencia sanitaria, que se estableza a base de datos común e que se teñan en conta os criterios anteriores e o financiamento necesario para os servizos autonómicos.