O Pleno reclama á Xunta de Galicia que acometa melloras nos colexios Castelao de Navia e Javier Sensat

Os votos dos grupos socialista e nacionalista, coa oposición do PP, sacaron adiante este luns a moción dos segundos pedindo ao goberno autonómico que acometa a ampliación do colexio A.R. Castelao de Navia e o peche exterior do Javier Sensat, así como a cubrición das pistas deportivas de ambos centros educativos vigueses. Ademais, a Corporación tamén validou un decálogo de propostas á Xunta para "frear o deterioro do sistema educativo".

luns, 26 dec 2011
Os grupos municipais do PSOE e do BNG aprobaron as dúas mocións de carácter educativo, coa oposición do Partido Popular, para reclamar á Xunta de Galicia melloras nos colexios Javier Sensat e Castelao de Navia, e para propor ao goberno de Núñez Feijóo un decálogo de ideas para "frear o deterioro do sistema educativo".

No primeiro dos textos, a moción aprobada demanda ao executivo autonómico que amplíe o centro educativo Castelao de Navia e proceda a cubrir o patio exterior, o que tamén foi reclamado polos corporativos no caso do Javier Sensat, xunto coa construción do muro de peche perimetral.

No segundo caso, o Pleno propón medidas á Xunta de Galicia como reforzar as bolsas de comedor e/ou estudos para o alumnado con poucos recursos económicos, asumir a xestión dos comedores escolares de Vigo, ampliar os comedores para dar cabida á demanda, realizar obras pendentes, repoñer o profesorado suprimido, asumir o custo de mantemento dos centros de primaria, establecer achegas para estudar no estranxeiro e para o retorno aos estudos de desempregados. Unha enmenda nacionalista sumou ao acordo a solicitude á Xunta de Galicia de cumprir co Plan de Normalización Lingüística para establecer que polo menos o 50% das materias sexan impartidas en galego.

Escola Infantil
A unanimidade da Corporación Municipal de Vigo respaldou a moción -presentada polo PP- solicitando ao goberno local a construción dunha nova escola infantil en Lavadores, particularmente na Urbanización Cambeses.