Escoitar

O Concello esixe á Deputación que abone os 450.000 euros de débeda co MARCO de Vigo

A moción socialista, co apoio do BNG e a oposición do PP, demanda á institución provincial que satifaga a súa débeda desde 2009 co Museo de Arte Contemporánea de Vigo, así como solicitar ao Presidente da Deputación, Rafael Louzán, a apertura dunha Comisión de Investigación sobre a custodia dos fondos públicos provinciais. O Pleno tamén solicitou á Xunta de Galicia a creación dun xulgado de 24 horas en Vigo e o mantemento da achega para a Fundación Juan Soñador de Vigo para o "Programa na rúa" de educación integral.

luns, 26 dec 2011
O acordo adoptado esixe á Deputación de Pontevedra que abone "de forma inmediata" a débeda contraída coa Fundación MARCO de Vigo desde 2009, a razón de 150.000 euros anuais.

A moción reclama tamén ao Pleno da Deputación de Pontevedra a creación dunha Comisión de Investigación para esclarecer os feitos acontecidos na anterior sesión plenaria municipal, onde o voceiro do grupo municipal popular e vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, "exhibiu talóns bancarios orixinais" das cotas provinciais, constituíndo "un feito gravísimo" por "andar con cartos públicos no peto", segundo reza a exposición de motivos do texto finalmente aprobado.

A Corporación insta asemade ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, á apertura dun expediente informativo para indagar "de onde síron os talóns, amosados polo Sr. Figueroa, e quen os custodiaba".

Unha engádeda presentada polo BNG e aceptada polo grupo propoñente, o PSOE, suma ao acordo que os gobernos provincial, autonómico e estatal "manteñan as aportacións" ao Museo xa que "son imprescindibeis para que continúe o labor cultural que desenvolve".

Xulgado
O Concello de Vigo adoptou un seguinte acordo na sesión plenaria deste luns, co voto favorable de PSOE e BNG e a negativa do PP, relativa á creación dun xulgado de 24 horas na cidade.

Segundo reza o texto, o Pleno vigués demanda ao goberno autonómico "que cumpra co compromiso adquirido para a creación dun xulgado de 24 horas en Vigo e o inclúa novamente como asunto prioritario perante o goberno central para o exercizo de 2012".

Juan Soñador
Un acordo de urxencia foi aprobado por unanimidade polo Pleno da Corporación Municipal, a iniciativa do PSOE, instando ao goberno de Núñez Feijóo a que manteña o investimento en programas de apoio a persoas en exclusión social moderada e severa, particularmente para o "Programa na Rúa" que xestiona a Fundación Juan Soñador de Vigo. A Fundación recibiu comunicación da Xunta de Galicia de rescisión do convenio para este programa, que atende a menores entre 13 e 18 anos.