Escoitar

Urbanismo inicia o desenvolvemento dun ámbito urbanístico en Samil de 65.000 m2 e o 48% de vivenda protexida

O alcalde, Abel Caballero, deu conta hoxe venres dos acordos adoptados na Xerencia municipal de Urbanismo, entre os que se atopa o inicio do procedemento para a tramitación e aprobación do planeamento de desenvolvemento do ámbito de 65.000 metros cadrados fronte ás pistas deportivas de Samil. Explicou Caballero que a cidade recibirá 10.000 m2 de zonas verdes e 550 prazas de aparcamento públicas.

venres, 11 nov 2011
1321016315urbanismo.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou deste trámite validado na Xerencia sobre o ámbito fronte ás pistas deportivas de Samil: 65.000 metros cadrados que reservarán o 48% da edificación para vivenda protexida.

Segundo detallou Caballero, esta actuación -promovida polo 53% da propiedade- permitirá sumar 10.000 metros cadrados de zonas verdes para o municipio e outros 4.000 metros para equipamentos. Ademais, este desenvolvemento permitirá gañar 550 prazas de estacionamento públicas en Samil, algo ao que o alcalde concedeu gran importancia.

Apuntou o alcalde vigués que "en Vigo empezamos a ver o desenvolvemento de ámbitos concretos do Plan Xeral", neste caso de iniciativa privada, e coa colaboración da Xerencia municipal de Urbanismo.

Casa do Patín
O Consello da Xerencia deu asemade conta da proposta de aprobación definitiva do expediente de expropiación da Casa do Patín, en Bouzas, composto por catro parcelas de 344 metros cadrados e un importe de 559.000 euros para equipamento cultural. Abel Caballero valorou esta decisión por ser unha "demanda sentida desde Bouzas".

Na reunión desta mañá, Urbanismo tamén deu conta da concesión de 20 licenzas, tres delas para novas edificacións, cun valor total de investimento próximo ao millón de euros.
Descargar todas as imaxes