Escoitar

O Concello de Vigo é "exemplo de boa xestión" ao realizar os pagos 11 días antes do prazo legal

Así o explicou hoxe luns a concelleira de Facenda, Raquel Díaz, ante o Pleno da Corporación, onde deu conta do informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para pagamento de obrigas. A edil indicou que a media de pago situouse en 39 días, polos 50 que establece a lexislación vixente, e avanzou que o 50% das facturas aboáronse en menos de 30 días.

luns, 5 set 2011
1315224923raquel.jpg
A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz
A concelleira de Facenda, Raquel Díaz, indicou este luns que o Concello vigués é "exemplo de boa xestión" ao abonar os pagos once días antes do prazo legal estipulado.

A edil deu conta ante o Pleno da Corporación do informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para pagamento de obrigas, texto que cifra en 39 días a media de pago do Concello de Vigo polo límite de 50 que establece a normativa.

Raquel Díaz informou que o Concello xa fixo fronte a 30 millóns de euros en pagos e afondou en que, dos 39 días de media, a metade das facturas liberadas nestes primeiros tres meses do ano desembolsáronse en menos de 30 días.

O grupo municipal do PP, en verbas de María José Bravo, afirmou que algúns pagos non foron efectuados dentro do prazo legal e pediu "claridade e información" para saber "qué facturas existen sen tramitar", ao que a concelleira de Facenda respondeu que "o informe é claro: non hai ningunha", e explicou que as que non foron aboadas en tempo é debido a atoparse inmersas en cuestións de carácter xudicial e polo tanto axenas ao Concello.
Descargar todas as imaxes