Escoitar

Píccola Orchestra Gagarin e LUME, o mércores 22 en Imaxina Sons

O mércores 22 de xuño Imaxina Sons programa dous pratos fortes no mesmo dia. Primeiro será a Píccola Orchestra Gagarin, que pechará o ciclo de concertos do MARCO ás 20:30h.dentro do festival; este trío bota man de orixinais obxectos, instrumentos e sons para propoñer unha viaxe ao estilo da que emprendeu o astronatura que lles dá nome hai cincuenta anos. Tras este concerto, o festival transládase ao Auditorio Municipal coa Lisbon Underground Music Ensemble, LUME (22h). Dirixida por Marco Barroso, esta big band contemporánea sube a quince músicos ao escenario cunha proposta experimental. A xornada do 22 de xuño rematará con Jazz na Noite da man do grupo Marosa Jazz Project no Contrabajo (Venezuela, 82, 23h).

martes, 21 xuñ 2011
1308659107picola.jpg
Píccola Orchestra Gagarin
Paolo Angeli, Sasha Agranov e Oriol Roca son tres músicos con vertentes artísticas moi orixinais por separado. Desde hai algo máis dun ano, as ocorrencias dos tres súmanse no escenario co proxecto Piccola Orchestra Gagarin, que naceu tras unha actuación en Barcelona. Como o astronauta ruso fixo hai cincuenta anos, o seu é unha viaxe ao exterior con rumbo incerto. Cada concerto da Piccola Orchestra Gagarin é unha experiencia única. Instrumentos tuneados para a ocasión, obxectos que se agregan ao espectáculo, sentido do humor, sons tradicionais de Sardeña que coa voz de Angeli adquiren forza, toques pop e free jazz. Algo de todo iso pódese percibir no resultado final: unha música con misterio, unha viaxe non exenta de beleza pero tamén con momentos de explosión sonora que provocan incerteza á audiencia.

O guitarrista Paolo Angeli (Sardeña, 1970) é recoñecido como un dos representantes máis xenuínos da música de vangarda. A súa bandeira é a guitarra xarda preparada cuxa sonoridade atrapou a músicos como Pat Metheny ou Fred Frith, que colaboraron co italiano. Angeli visitou en solitario o Imaxina Sons en 2006; desde 1997 ofrece concertos só cunha guitarra sarda, facendo coexistir sonoridades ancestrais e modernas (utilizando pezas de metal, cordas de sitar ou enxeños en miniatura). Do seu encontro con músicos experimentais, xorde a súa teima por rachar fronteiras entre a música clásica, a música tradicional, o jazz, o rock e a improvisación. Os compañeiros de aventura nesta Piccola Orchestra Gagarin tampouco se dedican ao mainstream: Oriol Roca (Barcelona, 1979) é un reputado batería de jazz e un dos promotores do colectivo de improvisación CREA, en Barcelona, e Sasha Agranov (San Petersburgo, 1977) é o 50% do proxecto Selva de Mar co que xirou por todo o mundo compoñendo o que denominaban música acuática e da compañía Circus Delirium con sede tamén en Barcelona.

Con quince integrantes, a portuguesa Lisbon Underground Music Ensemble achégase á idea de big band polo número de músicos mais o certo é que o seu repertorio se afasta de calquera concepción tradicional. O seu primeiro disco homónimo, editado en 2010, revela os lazos coa música pop e rock, especialmente a querenza dos portugueses por Frank Zappa e pola música de baile. A banda apóiase na frauta, no clarinete e no saxo soprano; conta con músicos procedentes do jazz pero tamén da música clásica. Baixo a dirección do compositor e pianista Marco Barroso, LUME mestura influencias do funk, do boogie woogie e de ambientes impresionistas; así mesmo conxuga a música escrita coa improvisación. Nos últimos anos convertéronse nun dos acontecemento do jazz en Portugal.

A idea de LUME naceu en 2006 da man de Marco Barroso que quería argallar un proxecto no que ademais de exercer de intérprete tivera oportunidade de dirixir e, sobre todo, de compoñer. Tratábase de formar unha grande banda, na que os instrumentos de vento tiveran un papel especial e que tivera unha orientación ecléctica con cabida para o traballo de autor. Barroso tiña na cabeza naquel momento modelos como o da Vienna Art Orchestra ou Carla Bley. Pianista desde que a súa memoria lle permite lembrar, Barroso é un dos músicos máis recoñecidos da escena improvisada no país veciño; na súa mocidade foi atento seguidor do grunge, do noise e do trash metal e aínda hoxe non se considera un músico de jazz. Alguén xa describiu a música de LUME como unha lección de historia do jazz impartida enriba dunha montaña rusa.
1308659107picola.jpg
1308659174lume.jpg
Descargar todas as imaxes