Escoitar

O Concello formalizará ante o Goberno de España o proxecto para converter a Vigo en cidade piloto do coche eléctrico

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este mércores unha entrevista co Grupo Etra, empresa que ofrece a instalación nas comunidades de propietarios de "enchufes intelixentes" para a recarga dos vehículos eléctricos. O Concello pecha así o círculo de entrevistas para o proxecto de converter a Vigo en cidade piloto na materia, e está en disposición de formalizar ante Industria esta opción, indicou o socialista.

mércores, 28 xul 2010
1280323261ETRA.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pechou este mércores o círculo de entrevistas para convertir á cidade olívica en urbe piloto do coche eléctrico. O socialista indicou que o Concello xa está en disposición de presentar por escrito ante o Ministerio de Industria o proxecto vigués.

O rexedor mantivo unha entrevista co Grupo Etra, empresa encargada do sistema de carga de vehículos eléctricos nos garaxes privados, sexan comunitarios ou individuais. Esta compañía ten elaborado un sistema de "enchufes intelixentes" que analizan a tempo real todos os factores enerxéticos do país para seleccionar o momento óptimo de carga.

Abel Caballero sinalou que esta empresa ofreceuse a realizar a instalación eléctrica nas vivendas e chegar a un acordo para que a carga poida ir incluída no custo da propia enerxía. Este sistema era "a peza que nos faltaba", apuntou o alcalde, para o proxecto vigués, tras manter contactos cos fabricantes, tecnólogos, etcétera. "Temos pechado o círculo", apostillou, e agora é o momento de involucrar á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Industria neste proceso.

"Sabemos onde temos que ir", aseverou Caballero sobre este proxecto, e avanzou que o Concello formalizará por escrito o proxecto vigués para ser cidade piloto do automóbil eléctrico, e presentar a documentación ao Goberno de España.
Descargar todas as imaxes