Escoitar

Santi Domínguez presenta a campaña de turismo, que reforza a información e inclúe o programa "Vigo á carta"

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este mércores a nova campaña de turismo para este verán, que ten os obxectivos de facer que os visitantes que se achegan a Vigo teñan toda a información que precisen e que o servizo de turismo estea baseado na eficiencia e na calidade. O nacionalita salientou algunha das novidades da campaña, entre as que destacan o reforzo da páxina web, www.turismodevigo.org, como elemento de información aos visitantes e o programa "Vigo á carta".

mércores, 2 xuñ 2010
1275483673turismo.JPG
"Facemos esforzos para desestacionalizar o turismo na cidade a través do Vigo Convention Bureau, pero o verán é unha época na que sempre hai pico de visitantes aos que temos que ofrecer os mellores servizos", explicou Santi Domínguez. Os datos resultantes das enquisas que se fan cada ano indican que ata o 75% das persoas que se achegan a Vigo queren ter información antes de chegar á cidade. "Sabendo isto, e tendo en conta que cada vez se utilizan máis as novas tecnoloxías e internet, é polo que decidimos reforzar a páxina web de Turismo", explicou. O tenente de alcalde sinalou que a través de www.turismodevigo.org é posible acceder á ampla oferta turística de Vigo, así como baixar as diferentes propostas en formato pdf.

Outra das novidades que destacou Santi Domínguez é o programa "Vigo á carta". A maior demanda no eido turístico céntrase nas visitas curtas ou de poucos días, segundo o nacionalista, "as máis difíciles de programar, posto que é preciso seleccionar as visitas".

O programa "Vigo á carta" facilita ás persoas que se achegan á nosa cidade elixir que elementos prefiren coñecer. "Queremos que os nosos visitantes non teñan ningún tipo de problema á hora de programar a súa estadía en Vigo", dixo Santi Domínguez.

Outro dos programas novidosos que o tenente de alcalde salientou é "Vigo para cruceiristas 2010". Destacou que a cidade é xa referente na chegada de cruceiros, polo que "é importante que os cruceiristas estean debidamente atendidos". Por unha banda, o programa ofrece alternativas que os inciten a baixar do barco, e por outra, "que os convenzan para quedar en Vigo e gozar das grandes ofertas da cidade", avanzou.

Santi Domínguez indicou que a temporada de cruceiros vai do 15 de marzo ao 15 de outubro e xa dende o inicio está en marcha o operativo de atención exclusivo para cruceiristas. Dous profesionais do departamento de Turismo ofrecen atención e información a pé de barco, pero neste servizo tamén colabora o voluntariado turístico de Vigo, "que pon en práctica o aprendido durante o curso que se lles ofreceu". Participan 15 persoas en distintas quendas. Ademais, o bus turístico ten horario coordinado coas horas de atraque dos cruceiros.

Por outra banda, o tenente de alcalde asegurou que tamén se manteñen outros programas gratuitos de éxito en campañas anteriores. É posible participar no programa de rutas por Vigo, con paseos de 60 minutos, que conteñen soporte gráfico e unha ruta autoguiada, en galego, castelán e inglés, e na que se presentan lugares turísticos da cidade próximos ao porto e accesibles.
Tamén continúan as rutas "100 minutos de mar", "100 minutos de cultura" e "100 minutos de natureza". Mediante estes percorridos, que se realizan en grupos de 10 a 15 persoas, pódese coñecer aspectos fundamentais da cidade en cada un deses eidos. Santi Domínguez fixo referencia a outra novidade da campaña deste ano, a ruta "Camiño portugués a Santiago pola costa", que inclúe unha guía en pdf e un folleto impreso para os peregrinos a Compostela que pasen por Vigo.

"Achegar a información a todas as persoas levounos a locutar a información da web en galego, castelán e inglés para facela accesible ás persoas con dificultades lectoras", destacou o tenente de alcalde. Salientou que en internet hai tamén unha guía de lecer, que recolle os a ampla oferta de actividades que a cidade ofrece aos seus visitantes.

Outro aspecto da campaña que Santi Domínguez mencionou é a posta en circulación da primeira fase do novo merchandaising, así como o inicio de 12 bolsas de formación para especialistas en turismo "para formar un competo equipo e ter cubertas as demandas e necesidades da cidadanía".

En resposta aos medios sobre as Oficinas de Información Turística que estarán operativas este verán, o tenente de alcalde informou de que estarán centralizadas na Oficina de A Pedra, a da Estación Marítima e a do Concello. Explicou ao respecto que os datos das temporadas anteriores amosan que había oficinas con poucas visitas, polo que asegurou que é preciso "centralizar esforzos para dar mellores servizos". Sinalou que a estas dúas oficinas unirase proximamente o Centro de Recepción de Visitantes.
Descargar todas as imaxes