Escoitar

A Festa da Reconquista amplíase aos espazos recuperados polas humanizacións

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou a importancia que as humanizacións acometidas no Casco Vello terán na celebración este ano Festa da Reconquista. Na presentación da programación deste ano, xunto ao presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, Henrique Macías, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, o concelleiro salientou a proxección que a festa, que se celebra esta fin de semana, ten xa fóra da nosa cidade.

venres, 26 mar 2010
1269612740reconquista.jpg
"As humanizacións axudan a darlle máis realce á festa, como acontece cos novos espazos que se incorporan este ano", comentou Santi Domínguez en relación á rúa Teófilo Llorente, que por primeira vez formará parte do mercado xunta á rúa de Chao, e o traslado da representación da Reconquista da Praza da Constitución á Porta do Sol.

O tenente de alcalde felicitou á Asociación de Veciños do Casco Vello polo seu traballo na organización da festa da Reconquista. Destacou que é unha festa na que levan moito tempo traballando e que o seu esforzo ten permitido que ano a ano "teña máis parangón", tanto na propia cidade como fóra. A este respecto destacou que nos últimos dez días as entradas ao enlace da Reconquista da web da Concellería de Turismo se incrementaron nun 30%. Ao seu xuízo, isto "quere dicir que as presentacións da festa que estamos facendo en Fitur dan resultado".

"Xa que estamos recuperando o Casco Vello, aproveitemos a festa para mostrar o que se está facendo no barrio, que xa está tomando outra cor", destacou Santi Domínguez. Finalmente, animou aos vigueses e viguesas a achegarse, dende o sábado, ao Casco Vello, "para gozar do traballo dos veciños e veciñas, así como da nosa historia".

O presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, Henrique Macías, sinalou que a inauguración oficial da festa será o sábado ás 17.30 horas, aínda que a apertura dos postos comezará xa pola mañá. Asemade, deu conta das principais novidades deste ano, dende os cambios de emprazamento ao incremento dos postos participantes. Neste sentido salientou que dos 110 postos participantes no mercado na pasada edición se pasan a 190 nesta convocatoria, entre os que destacan os de produtos de artesanía e demostración de oficios tradicionais.

Respecto á amplicación do espazo destinado á festa sinalou que o ano pasado comprobaron que "quedaba pequeno e abarrotado de xente e non queremos que a festa morra de éxito". Pola contra afirmou que dende a organización queren a xente "goce en familia e pasee polo Casco Vello".No tocante á representación da Reconquista sinalou que será o domingo ás 18 horas e participarán 300 persoas. Explicou que o cambio de emprazamento da representación é "motivado pola humanización levada a cabo na Porta do Sol". Sinalou que a praza da Constitución era de "difícil mobilidade", sobre todo tendo en conta que participaba un cabalo, polo que asegurou que o cambio "será beneficioso para toda a festa" e que moita máis xente poderá disfrutar.

Henrique Macías destacou tamén o incremento da animación de rúa, sobre todo os grupo musicais, que este ano chegarán a 30. "Seguimos apostando polos pasarrúas e a animación musical", asegurou. Outro aspecto que mencionou na súa intervención foi as actividades infantís e sinalou que o sábado e o domingo haberá un total de 10 actividades. No tocante aos concertos sinalou que haberá dous, un sábado ás 20 horas, a cargo dun dos grupos de referenza do folk galego, e o domingo co grupo "Pan de lá".


Descargar todas as imaxes