Escoitar

O alcalde apela á conciencia cívica para respectar os espacios públicos

martes, 23 abr 2002
imx1328.jpg
Educación viaria
O alcalde, Lois Castrillo, apelou á conciencia cívica dos cidadáns para coidar os espacios públicos de Vigo e respectar as normas de circulación. Castrillo dixo que unha boa convivencia só se pode construír dende a base do respecto ás normas e aos demais: “Só desa maneira poderemos gozar duns parques e xardíns limpos e circular con seguridade polas nosas rúas”.

O alcalde fixo estas declaracións tras asistir a unha das clases do Curso de Educación Viaria que o Concello ofrece a escolares de Vigo. Nestes cursos, impartidos por axentes da Policía Local, explícanselles aos rapaces as reglas de circulación e normas de comportamento. O obxectivo é o de difundir entre os máis novos unha conciencia de respeto aos demais e ao patrimonio común.

Polos cursos de educación viaria pasaron xa 6.000 escolares vigueses. O concelleiro de Tráfico, Xoaquín de Acosta, anunciou que o vindeiro curso se superará esa cifra a xulgar polas peticións que chegaron ao Concello de colexios interesados en participar nesta experiencia.

Os cursos van estar dedicados nos próximos días a alumnos dos colexios vigueses de educación especial. Ensinaráselles entre outras cousas a cruzar as rúas e viaxar en autobús coa finalidade de tentar proporcionarlles máis independencia nos seus desprazamentos.
Descargar todas as imaxes