Escoitar

A décima edición do Are More celebrarase do 21 ao 28 de novembro e incorpora concertos en mercados e zonas comerciais

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este mércores que a décima edición do festival Are More, chega cargada de novidades, como a concentración das actividades nunha soa semana, do 21 a 28 de novembro. Na presentación do certame tamén participaron a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, o concelleiro de Cultura, Xesus López, e o director do Are More, Roberto Relova. Esta edición incorpora por primeira vez concertos en zonas comerciais e mercados da cidade.

mércores, 28 out 2009
1256736880aremore.jpg
"Hoxe é un día especial para o Concello de Vigo e a cultura desta cidade, xa que presentamos o mellor festival e a mellor iniciativa cultural que se ten posto en marcha neste Concello", salientou o tenente de alcalde. Santi Domínguez destacou que a cocenctración das actividades do festival nunha semana responde á necesidade de "amoldarnos ao tempo de crise", pero asegurou que practicamente se manteñen o número de propostas "sen desmerecer a calidade do festival". Asemade, salientou que a iniciativa da música na rúa era unha "inquedanza de popularizar a música clásica".

Respecto aos concertos para bebés, destinados a nenos e nenas de 3 meses a 5 anos, explicou que nesta ocasión serán unha "producción propia" do Are More con artistas galegos. Santi Domínguez, neste sentido, avanzou que no ano 2010 se inaugurará unha programación estable tanto para bebés como respecto á música na rúa, de xeito que "van ser o complemento que axude para ir arroupando o festival".

O director do festival, Roberto Relova, agradeceu a Xesus López, ao departamento de Cultura e ao tenente de alcalde Santi Domínguez "porque ano a ano se volcan co festival". Asemade, destacou o Are More é xa un embaixador da cidade de Vigo en lugares de tanto prestixio como o Metropolitan de Nova Iorque. Na súa intervención subliñou o feito de que dos máis de 600.000 espectadores totais destes dez anos de festival, máis de 100.000 teñen sido escolares.

Roberto Relova salientou que se trata dun día moi importante porque se cumpren dez anos da inaguración do festival coa mezzosoprano americana Jennifer Larmore, "que volve nesta edición a abrir o festival" o 22 de novembro na igrexa María Auxiliadora, ás 20.30 horas. Asemade, destacou como pratos fortes do festival a representación da obra de Carl Orff "Carmina Burana" o domingo 22 de novembro na igrexa María Auxiliadora ás 20.30 horas, e os concertos para escolares, que nesta ocasión representarán a obra de Mozart "A Frauta Máxica" os días 23 e 24 de novembro no teatro Salesianos con funcións ás 10 e 12 horas.

O concelleiro de Cultura, Xesus López, afirmou que "chega unha das citas fundamentais do panorama cultural de Vigo", referente no só na cidade senón en todo o Estado español, e que este ano contou cun orzamento de 300.000 euros. Destacou que, con algúns reaxustes, a maior parte dos concertos do festival son gratuitos. Así, para os concertos de inauguración e clausura, a cargo da mezzosoprano Jennifer Larmore e de Sara Mingardo e a Orquestra Barroca de Venecia respectivamente e que se celebrarán na igrexa de María Auxiliadora, é preciso recoller as invitacións na Central de Espectáculos.

O edil do BNG informou de que so serán dous os concertos de pago, pero con "prezos populares", os que os días 22 e 27 de novembro terán lugar no teatro Salesianos, como son a representación da obra Carmina Burana e a estrea de La Spinalba, de Francisco Antonio de Almeida. En ámbolos dous casos a entrada xeral será de 10 euros e o prezo reducido de 7 euros. As entradas estarán dispoñibles a partir do 5 de novembro na Central de Espectáculos, na web www.centralespectaculos.com ou no despacho de billetes do teatro Salesianos, se todavía quedasen entradas, unha hora antes do comezo do espectáculo.

O tenente de alcalde expresou os seus parabéns a Xesus López e ao seu equipo da Concellería de Cultura, "por facer posible que se poida escoitar esta música"; ao director Roberto Relova, por "innovar en cada edición do festival" e "facer posible que no Are More estean os mellores artistas"; e a Lucía Molares, en presentación da Xunta, polo "apoio ao festival nesta época de crise". Ao respecto ao tenente de alcalde explicou que aínda que o convenio foi asinado pola anterior concelleira de Cultura, foi ratificado polo titular actual.


Neste sentido, Lucía Molares salientou que para a Xunta "é unha satisfacción participar e colaborar nesta edición do Are More". Na súa intervención tamén asegurou que a Xunta seguirá apostando por este festival "que é unha cita imprescindible" no panorama cultural. Repecto ás novidades que este ano presenta o festival considerou que ao mesmo tempo que é importante que se manteña a esencia do festival, tamén o é "que se innove levando a música a onde están as persoas". En canto á produción propia dos concertos para bebés afirmou que é unha "oportunidade de dar a coñecer o que se fai polos artistas galegos". Ao seu xuízo, o xeito de organizar o festival "é a forma de traballar en colaboración das distintas administracións públicas".
Descargar todas as imaxes

Máis información