Escoitar
O xoves 23 de abril, Día Internacional do Libro

O MARCO participa nunha actividade de BOOKCROSSING xunto con 25 museos e centros de arte contemporánea de toda España <br />

O xoves 23 de abril, Día Internacional do Libro, un total de 26 museos e centros de arte contemporánea de España compartirán unha experiencia de bookcrossing ou campaña de liberación de libros, na que "inundarán" as cidades con libros de arte procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas.

mércores, 22 abr 2009
1240410316escalerasconlibros.jpg
Os participantes prevén poñer en circulación máis de 2.000 "libros libres" coa intención de que os que os recollan, gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo. No caso do MARCO, liberaranse un total de 61 catálogos en distintos puntos da cidade de Vigo, nunha iniciativa promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación do museo.

Todos os libros liberados están acreditados coas súas correspondentes etiquetas, conteñen as instrucións necesarias para facilitar ao lector a súa participación na campaña, e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde atoparon cada exemplar e o lugar onde o liberaron. O obxectivo desta iniciativa é unir ás bibliotecas dos museos de arte nun esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas artísticas.

Dende a súa aparición a nivel internacional en 2001, o bookcrossing non fixo senón multiplicar o número de participantes neste tipo de iniciativas. O bookcrossing defínese como un "club de libros global", rexido por tres sinxelas regras, coñecidas como "as tres erres": read (le), register (rexistra), release (libera). Os libros "libéranse" normalmente en lugares públicos e de tránsito de persoas, dende a Universidade aos medios de transporte ou polideportivos, e se cada usuario segue as instrucións é doado coñecer, a través da páxina www.bookcrossing-spain.com, o traxecto realizado por un libro dende o seu punto de orixe ao de recollida. En ocasións anteriores, libros de arte liberados con motivo desta campaña foron localizados en cidades tan distantes como París, Nova York, Roma ou O Cairo.

Esta iniciativa xorde da celebración no centro-museo ARTIUM de Vitoria-Gasteiz dos Encontros de Bibliotecas e Centros de documentación de Arte Contemporánea, nos que con carácter bienal se comparte información, se analizan as novas liñas de traballo e se estuda a posibilidade de establecer vías de colaboración entre centros. Froito diso foi a posta en marcha dun foro especializado en documentación de arte contemporánea e unha primeira vía de traballo de difusión do labor destas entidades mediante esta iniciativa de bookcrossing.

Todos os libros liberados conteñen catro adhesivos. O primeiro, no lombo, é o símbolo internacional do bookcrossing, o debuxo dun libro con brazos e pernas en actitude de correr, personalizado co logotipo de cada centro ou museo. Un texto aclara que se trata dun libro bookcrossing. A segunda etiqueta vai colocada sobre a cuberta do libro e nela danse máis detalles: "pásalle este libro a alguén ou déixao libre na súa aventura" e "non me perdín, son parte dun club de libros global", ao tempo que remite a máis detalles no interior do libro.

Unha vez dentro, o terceiro adhesivo instrúe a persoa que recolleu o libro sobre o obxecto da liberación de libros e sobre a conveniencia de participar nesta experiencia internacional a través da páxina web www.bookcrossing-spain.com, que permite coñecer onde estivo a publicación e quen a leu, así como incorporar o novo lector ao seu diario de viaxe. Alternativamente, o lector pode escribir o seu nome e o lugar onde atopou o libro antes de liberalo de novo nun diario de viaxe, o cuarto adhesivo, que tamén incorpora o libro.

O bookcrossing permite non só compartir e intercambiar gratuitamente libros senón tamén seguir a pista de calquera deles unha vez que "foi liberado", así como saber quen o leu e en que lugar. Calquera persoa pode participar nesta experiencia, non só recollendo libros senón tamén poñendo en circulación outros da súa propiedade, rexistrándoos na páxina web de bookcrossing e liberándoos despois nun lugar público.
Descargar todas as imaxes