Escoitar

Vide abre a convocatoria para as axudas aos deportistas vigueses federados individuais

A Fundación Vigo en Deporte abriu hoxe o prazo para as axudas a deportistas vigueses federados pola súa traxectoria durante o ano 2008. Ata o 28 de febreiro próximo, os deportistas locais que desexen acudir a esta sétima convocatoria poderán optar a dúas modalidades, a bolsa de base (ata 16 anos) e a de elite (para maiores de 16), polas que se doan 1.000 e 2.000 euros, respectivamente.

mércores, 28 xan 2009
1233151346vide280109.jpg
Xabier Alonso, concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, asegurou na sede da fundación, durante a rolda de prensa de presentación, que "o deporte é un valor para a sociedade". Alonso lembrou que as subvencións e axudas que máis soan sempre e que o cidadán máis coñece, por habituais, "son para clubs e eventos", quedando por cubrir unha parte tamén importante, a axuda ao deportista individual, "que neste caso resolve Vide con estas bolsas". O edil agradeceu o apoio dos principais patrocinadores privados da fundación (Caixanova, Pescanova e PSA Peugeot Citroën), que coa súa achega permiten cubrir puntos aos que non pode chegar sempre a iniciativa pública.

Jorge Santos, director de publicidade institucional e patrocinios de Caixanova, aplaudiu esta iniciativa, "que encaixa cos principios fundacionais", dixo, e asegurou que "o deporte individual sempre esixe unha maior forza mental porque hai que adestrar, sufrir e sacrificarse só".

Laura Magdalena, xerente de VIDE, subliñou que estas axudas non teñen límite orzamentario dende o ano pasado "porque queremos dalas a quen a mereza, non marcar un tope de dez bolsas como antes que pode dar lugar a inxustizas", manifestou. A xerente destacou que cada ano hai unha media de 70-80 solicitudes e que será unha comisión de valoración composta por sete membros a que decida sobre cada unha delas en función da modalidade deportiva de que se trate e as dificultades para conseguir éxitos na mesma. Os deportistas deben presentar o seu historial deportivo de 2008 e certificado de empadroamento en Vigo como mínimo dende ese ano.

VIDE entrega bolsas a deportistas individuais dende 2003. O ano pasado alcanzou a súa cifra "récord" coa doazón de 38.200 euros a 23 deportistas, incluíndo seis atletas olímpicos e paralímpicos.
Descargar todas as imaxes