Escoitar

O Pleno aproba o convenio entre o Concello e o Consorcio da Zona Franca para construír aparcamentos

luns, 29 out 2001
imx724.jpg
O Pleno da Corporación aprobou establecer un convenio marco coa Zona Franca para realizar un proxecto de construcción e explotación de tres aparcamentos subterráneos nas rúas Jenaro de la Fuente, Pintor Colmeiro e Areal.

O aparcamento subterráneo na rúa Jenaro de la Fuente construirase no tramo comprendido entre Travesía de Vigo e a rúa Aragón e constará de dúas plantas con capacidade para 500 prazas. A súa superficie total será de 14.430 m2.

O aparcamento subterráneo na rúa Pintor Colmeiro-Unidade de Execución Villa Laura constará de dúas plantas con 370 prazas, prevéndose a posibilidade de construír unha terceira no caso de que os estudios de mercado o aconsellen. A superficie total construída para o suposto de dúas plantas será de 10.290 m2.

O aparcamento subterráneo na rúa Areal ubicarase no tramo comprendido entre a confluencia das rúas Colón e Concepción Areal e a rúa República Arxentina constará de dúas plantas e disporá de 564 prazas. a superficie total construída será de 15.240 m2.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo comprométese a construír, xestionar e explotar os tres aparcamentos con suxección a cadanseu proxecto técnico, aprobado polo Concello de Vigo, e ás condicións das correspondentes concesións. O prazo da concesión será de 50 anos.

Recomendacións

Aprobáronse as recomendacións de propoñerlle ó Consorcio Zona Franca que, pola cesión de uso do subsolo e canon tan especial, o Concello obteña o 20% das accións da sociedade a constituír e a proposta de constitución dunha empresa mixta de aparcamento de Vigo entre o Concello e o Consorcio para construír e explotar os novos párkings que se fagan no futuro de acordo coa Lei do Solo de Galicia no novo documento do Pxom.


Convenio entre o bispado Tui-Vigo e o Concello sobre cesión da casa rectoral de Alcabre

A Corporación municipal aprobou, por unanimidade, o convenio asinado polo bispo de Tui-Vigo, José Diéguez, e polo alcalde, Lois Castrillo, para a cesión ao patrimonio municipal da antiga casa rectoral que o bispado tiña en Alcabre. O inmoble, un edificio de baixo e un andar cunha superficie de 415 m2, e a parcela que o rodea, pasan a ser propiedade do Concello.

O Concello converterá a vella casa rectoral nun edificio dotacional para a parroquia, que complemente a gran superficie de espacio público creada no seu contorno. O inmoble está enfronte unha parcela de 18.000 metros cadrados que o Concello vai transformar en parque público. Ademais, ao seu carón farase o paseo marítimo que enlazará Bouzas co Museo do Mar.


Aprobación definitiva do Peri II-05 Rocío-Bouzas

O Pleno da Corporación aprobou o Peri II-05 Rocío, que ordena unha zona de 24.749 m2 dividida pola rúa Tomás Paredes, en Bouzas. Actualmente, esa área está infrautilizada e cuberta de vexetación.

O Peri prevé a creación de máis de 8.000 metros cadrados de zonas verdes. Tamén se recolle unha superficie de 1.650 m2 destinada a equipamentos, que podería servir para ampliar o colexio público Virxe do Rocío. A tipoloxía edificatoria será diferente nunha beira e outra da rúa Tomás Paredes. No leste (Rocío) serán bloques en altura, mentres que no oeste (Pardaíña) manteranse as edificacións unifamiliares.

Descargar todas as imaxes