Escoitar

Mei, Praticò e Cucchi: O espírito de Rossini no festival Are-More

xoves, 25 out 2001
O escenario do Teatro Fraga de Caixa Galicia acollerá de novo un extraordinario evento musical dentro do festival Are-More o vindeiro sábado 27 de outubro. Tres intérpretes de contrastado éxito internacional visitan o festival para deixar mostra da súa calidade interpretativa: a soprano Eva Mei, o barítono Bruno Praticò e a pianista Rosetta Cucchi. Na escena, a excepcional música de Rossini. Todo un evento de gran calidade para o ciclo de música vigués.

A soprano italiana Eva Mei, nacida na localidade de Fabriano, cursou os seus estudios musicais en Florencia. No conservatorio desta cidade obtivo a mención de honra no ano 1989. Un ano despois, en Viena, foi galardoada co premio “Catarina Cavalieri” no concurso “Mozart” celebrado na capital austríaca, gracias á súa interpretación de Konstanze na obra “Die Entführung aus dem Serail”, coa que tamén debutou nos escenarios. A partir de aí interpretou a maioría dos personaxes das máis importantes óperas nos principais escenarios do mundo. Don Giovanni, A Traviata, Don Pascuale, A noite de Fígaro, e un longo etcétera, que a converteron nunha das artistas máis solicitadas e recoñecidas da actualidade na súa especialidade.

En concertos ten interpretado obras de Beethoven, Rossini, Mozart, Schumann, Verdi, etcétera. Gravou máis dunha vintena de discos para varias compañías discográficas, entre os que se inclúen óperas completas e pezas de Rossini, Bellini, Donizetti, Mozart e Haendel. Proximamente actuará en Zúric, Boloña, Florencia, Roma, Bremen, Angers..., nunha serie ininterrompida de compromisos que fan de Mei unha das sopranos máis cotizada do momento.

Con Mei estará no recital de Vigo o baixo barítono italiano Bruno Praticò. Está considerado coma un dos mellores barítonos na interpretación de todo tipo de papeis e de pezas dos máis diversos autores, sobre todo de Mozart e de Rossini.

Realizou os seus estudios musicais da man de prestixiosos artistas da especialidade como Valdengo ou Celletti, no Teatro della Scala. Interpretou papeis en Don Paquale, L’elisir d’amore, La Cenerentola, etcétera, baixo a dirección das máis prestixiosas batutas do seu país. Invitado nos mellores teatros do mundo para dar recitais e concertos en solitario ou en compañía doutros cantantes, Praticò é un asistente habitual no festival de Pésaro dedicado a Rossini. En 1998 foi galardoado co premio de ouro do festival. Na tempada 1998/99 obtivo un clamoroso éxito na súa interpretación do Barbeiro de Sevilla, no Teatro da Ópera de Roma e no Teatro San Carlo de Nápoles. Recentemente cantou en Sevilla, Montecarlo, Londres, Reims, Ámsterdan, Nova York, Múnic e Bremen.

Entre a súa discografía destaca a gravación que para EMI realizou do Barbeiro de Sevilla. O seu último disco foi “La romanziera e l’uomo nero” de Donizetti.

Completando o grupo de artistas deste concerto estará a pianista italiana Roseta Cucchi, que obtivo numerosos premios de interpretación no seu país. Pianista durante catro anos da orquestra da Rai, non esquece a realización de colaboracións teatrais con grupos da súa cidade natal, Pésaro. Debutou como concertista no ano 1999 en L’Scala acompañando a Mariella Devia. Dende entón participou en numerosos recitais en Milán, Roma, Nova York e Bruxelas. Proximamente iniciará unha xira por Xapón.

O concerto que Mei, Praticò e Cucchi ofrecerán en Are-More leva por título “Encontros rossinianos”. Interpretarán pezas de Rossini e de Donizetti.

BIOGRAFÍAS

PROGRAMA