Escoitar

Os usuarios de transporte colectivo aforrarán tempo e diñeiro coa remodelación de liñas

mércores, 24 out 2001
O billete de transferencia, que permitirá facer transbordo dun autobús a outro na mesma dirección co uso da tarxeta verde, entrará en funcionamento dentro de aproximadamente un mes e a remodelación de liñas comezará a aplicarse de forma progresiva este mesmo ano. Habilitaranse catro novas zonas de carril bus e haberá cinco liñas circulares.

Calcúlase que a implantación do carril bus vailles supor un aforro de 82.000 horas anuais de viaxe ós usuarios habituais. Os novos carrís bus estarán nas rúas: Pizarro, Fragoso, Paulino Freire e no treito descendente de Colón.

O director de Vitrasa, Luciano Martínez Covelo, explicou que para realizar a remodelación de liñas de autobús se fixo unha análise da mobilidade dos usuarios do transporte público seguindo franxas horarias e suba e baixada de pasaxeiros en cada parada co obxectivo de facer un diagnóstico da situación para o cambio de trazado da rede. Martínez Covelo manifestou que se trata dunha ”aposta forte realizada polo Concello de Vigo e Vitrasa de cara a desconxestionar o tráfico”.

O xefe do grupo de Planificación do Transporte de Sener, Julián Sastre, sinalou que se realizaron enquisas domiciliarias a 2.500 familias, a viaxeiros de transporte público e conductores de vehículos privados para elaborar unha base de datos sobre a mobilidade na cidade de Vigo.

Trala análise, detectáronse os lugares de maior suba de viaxeiros, o crecemento experimentado en Teis e na zona de praias, a escasa mobilidade na zona comercial e a demanda existente nos extremos das liñas.

A reordenación fíxose seguindo os criterios de simplificar a rede de liñas, aumentar as frecuencias de paso, garantir as conexións entre todos os puntos do municipio e reforzar os traxectos con máis demanda. Con estas medidas, agárdase un incremento do 11% de viaxeiros nos próximos tres anos, dos que se estima que o 20% utilizarán o sistema de transferencia.