Escoitar

Vigo remodela as liñas do bus para contar cun servicio máis rápido e con máis frecuencias de paso

mércores, 24 out 2001
imx708.jpg
Lois Castrillo e Xoaquín de Acosta
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, presentou o novo mapa de liñas do transporte colectivo de viaxeiros aprobado polo Consello Municipal de Transporte. ”Coa aprobación desta remodelación de liñas avanzamos nun proxecto global de modernización do transporte público impulsado polo Goberno municipal e destinado a mellorar a calidade de vida dos cidadáns e a situar a Vigo á altura das cidades europeas”, dixo Castrillo.

Castrillo asegurou que con este novo mapa de liñas que se implantará paulatinamente conseguirase máis rapidez nos traslados dos usuarios, incrementarase a frecuencia de paso dos autobuses e aumentarase a facilidade para dirixirse a calquera punto da cidade mediante á implantación de novas liñas circulares e do billete de transferencia. O alcalde sinalou que este é o paso máis ambicioso dentro do proceso de reforzo do transporte público urbano emprendido hai dous anos e lembrou medidas xa aplicadas como a universalización do bono bus, a colocación de paneis informativos, a creación da tarxeta verde ou a creación das lanzadeiras á Universidade.

Coa reordenación das liñas, que foi negociada con representantes veciñais, agárdase aumentar un 11% a cifra de usuarios do autobús. O departamento de Tráfico fará un seguimento da implantación e completará a instalación de marquesiñas en tódalas paradas co obxectivo de que Vigo se convirta nunha cidade con transporte público á altura das cidades europeas, afirmou o alcalde. Isto redundará na facilidade de mobilidade, na reducción da contaminación e ofrecerá unha alternativa ó uso do vehículo privado.

Descargar todas as imaxes