Escoitar

O Concello colabora co II Congreso Internacional de Estudios Poscoloniais

luns, 15 out 2001
”Globalización e nacionalismos” será o tema do segundo congreso organizado pola Universidade de Vigo sobre estudios poscoloniais que se desenvolverá do 24 ó 26 outubro no Centro Cultural Caixanova. O Concello de Vigo ofrecerá unha recepción o mércores 24 de outubro para os organizadores, relatores e asistentes.

Nesta edición preténdese crear un espacio de discusión e intercambio de perspectivas sobre os distintos posicionamentos teóricos e críticos fronte ós fenómenos da globalización e os nacionalismos nas sociedades contemporáneas. O obxectivo é afondar na análise das manifestacións e dos efectos destas dúas correntes cun achegamento interdisciplinario que inclúa os ámbitos da cultura, a economía, a política, a historia e as artes.

O tema deste II Congreso refírese ás tensións existentes entre, por unha banda, o sistema contemporáneo da economía global e os seus efectos de neoimperialismo político e cultural, e, por outra banda, a resistencia desde as identidades que se definen desde o local e a comunidade. Algúns temas dos que falarán os máis de 100 relatorios que se van presentar no congreso son os seguintes: as relacións entre nacionalismo, multiculturalismo e globalización: as revisións do concepto de nación-estado: as novas nocións de cidadanía: o novo imperialismo económico e cultural: os feminismos ante a globalización e os nacionalismos: a raza, a etnicidade e a cultura global/local: o papel das linguas nas novas identidades: as tensións entre o local e o global na literatura e nas artes.

As conferencias plenarias versarán sobre economía, historia, arte, lingua e estudios culturais. Así mesmo, o Congreso contará con sesións literarias nas que participarán escritoras e escritores de diversos países e linguas. Pódese consultar o programa completo e outras informacións relativas a inscrición e aloxamento, entre outras, na páxina web do congreso.

A asistencia ó congreso é convalidable por 1 crédito de libre elección nas licenciaturas impartidas pola Facultade de Filoloxía e Traducción da Universidade de Vigo.


MÁIS INFORMACIÓN