Escoitar

14 paneis ofrecerán información actualizada dos acontecementos máis relevantes da cidade

Os dispositivos aportarán información inmediata sobre cortes de rúas, rutas alternativas, celebracións especiais, actividades culturais e calquera tipo de evento de interese para os cidadáns. O primeiro dos paneis, na esquina de Travesía con Urzáiz, foi inaugurado este mércores polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, o concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Xulio Calviño, e a Diretora Xeral da concesionaria JCDecaux en España, Isabel López.

mércores, 16 abr 2008
O Concello de Vigo, a través da empresa concesionaria JCDecaux, amplía o mobiliario urbano coa instalación de 14 paneis de información en distintos puntos da cidade. Este mércores activouse o primeiro dos dispositivos, ubicado na esquina das rúas Urzáiz e Travesía de Vigo, inauguración na que participaron o alcalde, Abel Caballero, o concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Xulio Calviño, e a Diretora Xeral da empresa en España, Isabel López.

Os dispositivos, "á altura dos sistemas de información das grandes cidades europeas", salientou o alcalde, se instalarán en toda a cidade, prestando especial atención ás zonas de confluencia de peóns e usuarios de medios de transporte, tanto público coma privado. Baixo estes criterios, outros dous paneis, que presentan o proceso da montaxe moi avanzado, pronto poderán entrar en funcionamento na Praza de América e na Praza Eugenio Fadrique.

Os paneis electrónicos caracterízanse por achegar unha información directa e en constante actualización dos aspectos máis relevantes que acontecen na cidade. Cunha crecente utilización en numerosas cidades europeas, estes dispositivos permiten a difusión na vía pública de diferentes mensaxes. Entre as súas características destaca a posibilidade de ofrecer información textual ou gráfica, ademais de achegar aos cidadáns unha información inmediata sobre aspectos tan variados como cortes de rúas, rutas alternativas, celebracións especiais, actividades culturais ou calquera tipo de evento de relevancia que se celebre en Vigo.

Desenvolvemento tecnolóxico

A tecnoloxía máis avanzada constitúe un elemento fundamental nestes paneis. Así, a súa configuración permite unha perfecta lexibilidade a distancias de ata 160 metros e desde un ángulo de visión de ata 70 graos, tanto de día como de noite e independentemente de calquera condición de iluminación ambiental que se produza.

As mensaxes achegadas móstranse a través dunha tecnoloxía caracterizada pola utilización de diodos electro-luminiscentes de cor verde en matriz continua, tanto de xeito horizontal como vertical.

Novo mobiliario urbano

A posta en marcha dos paneis informativos supón un complemento ao mobiliario urbano que se está procedendo a renovar en toda a cidade de Vigo. Renovación caracterizada por ser obra de prestixiosos arquitectos e deseñadores internacionais, como o británico Norman Foster, e sen que supoña ningún custo para as arcas municipais.

A renovación material do mobiliario urbano en Vigo tradúcese no deseño e montaxe de novas marquesiñas de autobús, obra de Norman Foster, novos postes de parada, aseos urbanos para o uso de persoas que transitan pola cidade, mupis e columnas informativas así como puntos de información para o acceso libre a Internet, entre outros.