Escoitar

Salón SINSAL Primavera no MARCO

Este mércores 16 de abril, ás 20.15, o salón de actos do MARCO acolle o concerto do grupo italiano ZU, correspondente ao Salón Sinsal Primavera. Unha cita coa banda que xira en Europa acompañando a Mike Patton <Faith no More> e que forma parte dun selecto cartel de culto por todo o mundo. Prezo da entrada 10 euros.

martes, 15 abr 2008
1208260459clipimage002.jpg
Dende 1997, Jacopo Battaglia (batería), Massimo Pupillo (baixo) e Luca T. Mai (saxo) gañáronse unha sólida reputación como ZU grazas a unha hiperactiva axenda que lles levou a tocar por todo o mundo máis de 1.000 veces nos últimos oito anos, e foron capaces de publicar 10 CD en diferentes compañías tan importantes como Atavistic, Rede Note, Frenetic, Wallace, Amanita ou Wide Public Guilt. ZU desafía as etiquetas, destrúe barreiras e categorías sobre o que é un grupo de Rock ou Jazz, e como debería actuar. No Wave, Funk, Hardcore-Punk, Jazz e matemáticas conflúen neste trío instrumental, que actúa en circuítos de todo tipo de música en Corea, Xapón, EUA, Rusia, África ou Europa oriental e occidental.

Abertos á aventura e ao risco, curiosos e musicalmente insaciables, van atopando no seu camiño novos artistas coa mesma mentalidade e teñen compartido estudio ou escenario con xente como Mike Patton, The Melvins, The Ex, Dälek —cos que teñen un proxecto de Hip Hop en camiño—, Peter Brötzmann, Ken Vandermark, Matts Gustafsson, The Thing, Damo Suzuki e un longo etcétera. Tamén participaron coa súa música en obras do lendario grupo de teatro Societas Raffaello Sanzio. Ademais, os seus membros colaboran en múltiples proxectos: Massimo tocou con The Ex e colabora en Original Silence xunto con Thurston Moore, Jim O'Rourke, Mats Gustaffson, Terrie Ex ou Paal Nilssen-Love; Luca tocou en directo con Nomeansno, Dalek ou Karate, e Jacopo é un activo creador de bandas sonoras.
Descargar todas as imaxes