luns, 14 abril 2008

O Goberno Local inicia as obras de humanización de Teis, Balaídos e Bouzas

A Xunta de Goberno Local deste luns aprobou a contratación das obras de humanización das rúas Sanjurjo Badía, Eugenio Kraft e a Alameda Suárez Llanos. O Concello adica máis de 1,5 millóns de euros ás melloras, e a duración das reformas oscilará entre os tres e os seis meses. Ademais, o alcalde avanzou que se investirá preto de 500.000 euros na elaboración dun Plan de Mobilidade que prevé solventar os problemas de tráfico e aparcamento da cidade.

Vigo contará para a temporada estival cunha guía turística baseada no sistema GPS e pioneira no Estado

luns, 14 abr 2008

A cidade de Vigo contará, a partir do mes de xuño, cun sistema pioneiro para guiar aos turistas que se acheguen á cidade e queiran coñecela empregando as novas tecnoloxías de xeito doado, anunciou este luns o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez. Trátase dunha audioguía multimedia baseada no sistema GPS que estará a disposición dos usuarios nas oficinas de turismo mediante aluguer e dos deportistas que participen na Universiada se Vigo é sede do evento en 2013 "para que poidan coñecer no seu tempo de lecer os principais aspectos da cidade".

Comercio, hostelería e mercados distribuirán 100.000 pegatinas de apoio á Universiada

luns, 14 abr 2008

"Teño que agradecer ás asociacións de comerciantes, de mercados e de hosteleiros que dende o primeiro momento manifestaron a súa colaboración na preparación de Vigo como candidata a acoller a Universiada de 2012", salientou o tenente de alcalde, Santi Domínguez, no acto de presentación das iniciativas que se levarán a cabo con estes colectivos durante a visita dos seis membros que integran a comisión avaliadora da Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU), que terá lugar do 17 ao 21 de abril.