Escoitar

O Auditorio será inaugurado en 2011 mantendo o esencial da súa infraestrutura

As partes implicadas na construción do novo Auditorio-Pazo de Congresos chegaron este luns a un acordo sobre o prazo de execución desta infraestrutura. Deste xeito, e segundo anunciou o alcalde, Abel Caballero, o Auditorio inaugurarase co gallo do concerto de Aninovo de 2011, mantendo as dotacións principais contempladas no seu proxecto orixinal.

luns, 24 mar 2008
1206366858auditorio240308.jpg
Así, o novo Auditorio non verá modificadas substancialmente as que se consideran as súas partes fundamentais: unha praza pública de acceso ao edificio, unha gran praza cuberta e elevada que servirá de miradoiro ás Cíes e ao Castro e a gran sala-auditorio, que contará cunhas 1.500 prazas, unha cifra lixeiramente inferior á proxectada nun principio. Precisamente esta sala-auditorio será a que albergue o concerto de Aninovo de 2011 co que se inaugurará o novo edificio.

Abel Caballero afirmou que "non era fácil" manter a construción do edificio nos seus termos iniciais, xa que as partes implicadas partían dunha "situación de moi complexa resolución". O alcalde salientou, ademais, que "non hai retrasos na execución da obra" e asegurou que "será un extraordinario palacio de congresos".

O orzamento inicial de 89,7 millóns de euros manterase, segundo adiantou Caballero, quen sinalou que o Concello estudará a posibilidade de ampliar o prazo de concesión do Auditorio (previsto en 35 anos) para compensar a concesionaria pola redución da zona privada do complexo. Segundo o cálculo do alcalde, esta redución afectaría a algo máis do 20% da superficie proxectada nun principio. Con todo, a ampliación do prazo de concesión é para o rexedor unha posibilidade perfectamente posible, xa que, como afirmou, "ten pouco valor" cando se fala dun espazo de tempo tan longo.
Descargar todas as imaxes