Escoitar

Medio Ambiente propón rutas de senderismo para que os cidadáns coñezan o contorno natural

O Concello vai pór en marcha proximamente o programa "Vigo camiño a camiño", co obxectivo de ofrecerlles aos cidadáns que así o desexen a posibilidade de coñecer os enclaves naturais do termo municipal. O programa, que contará coa asistencia de especialistas en natureza, está composto por 11 rutas de senderismo por varias parroquias e dúas estacións de observación astronómica.

xoves, 7 feb 2008
1202392303senderismo070208.jpg
A iniciativa foi presentada este xoves pola concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago, nun acto no que estivo acompañada polo portavoz do PSdeG-PSOE, Carlos López Font. Lago explicou que "con este proxecto pretendemos que os cidadáns coñezan e valoren Vigo como unha cidade onde os espazos naturais representan un dos aspectos máis importantes e dos que temos que sentirnos máis orgullosos". A concelleira engadiu que un programa como "Vigo camiño a camiño" ten aínda máis sentido nun contexto como o actual, cando o cambio climático "é un problema de todos" e a extensión da concienciación medioambiental se fai necesaria porque "o que se coñece respéctase".

Coñecendo Vigo

A partir do vindeiro domingo 2 de marzo e ata o mes de xuño realizaranse todos os domingos 11 rutas por diferentes espazos naturais das parroquias viguesas de Beade, Bembrive, Zamáns, Valadares, Saiáns e Candeán. Durante estas rutas os participantes recibirán explicacións sobre aspectos básicos para o coñecemento das paraxes que percorran, como a súa fauna, flora e localización.

As rutas, que se repetirán cada mes, iniciaranse os domingos ás 10.00 horas na praza do Rei, de onde sairán autobuses que regresarán ao mesmo punto aproximadamente catro horas máis tarde. Inscribirse nas rutas é gratuíto pero debe facerse con antelación para que o Concello coñeza con antelación o número de prazas necesario para cada viaxe.

"Vigo camiño a camiño" inclúe, ademais, un programa especial para os institutos de ensino medio que terá lugar todos os venres. Esta iniciativa pretende ser unha actividade complementaria ao ensino na que os estudantes poderán asistir a unha clase práctica sobre a natureza precisamente nun contorno natural.

Así mesmo, no proxecto presentado este xoves inclúese a "ruta das estrelas", unha actividade que se desenvolverá os venres das 22.00 ás 01.00 horas nos contornos do monte Alba e do monte dos Pozos. O obxectivo desta parte do programa, que contará coa axuda de astrónomos, é que os participantes coñezan as estrelas, constelacións e planetas contemplándoos desde os miradoiros que existen nas zonas mencionadas.

Como participar

"Vigo camiño a camiño" é unha iniciativa aberta a todos os cidadáns de Vigo que desexen coñecer todas as posiblidades que brinda o termo municipal no que a espazos medioambientais se refire. Para inscribirse ou recibir máis información pódese chamar ao teléfono da Concellería de Medio Ambiente (986 810 210).
Descargar todas as imaxes

Máis información