Escoitar

O Consejo Superior de Deportes valora positivamente a proposta de Vigo para a Universiada en 2013

O membros da comisión do Consejo Superior de Deportes (CSD) continúan hoxe co programa de visitas á cidade para valorar se Vigo reúne as condicións necesarias para acoller a Universiada de Verán en 2013.

mércores, 6 feb 2008
1202306690UNIV072.jpg
Neste sentido e polo de agora, a valoración está a ser positiva, aínda que haberá que agardar á decisión final que terá lugar o vindeiro 11 de marzo. Juan Manuel Hueli Amador, responsable de Promoción Deportiva do CSD indicou esta mañá ca exposición do proxecto recibida onte "foi moi completa" e que "é moi agradable comprobar que o traballo esixido está realizado". En rolda de prensa, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, afirmou que Vigo ten os "piares sólidos e básicos" para acoller este evento porque, ademais do marco incomparable onde de ubica, a cidade "ten capacidade organizativa demostrada" e "grandes profesionais arredor deste proxecto".

De feito, e durante a xornada de onte, Santiago Domínguez comezou o seu discurso apuntando 13 razóns polas que Vigo debería ser a elixida para albergar a Universiada en 2013. Razóns que destacan a calidez da cidade; a cultura centenaria e o patrimonio cultural; a preparación do 90 por cento das instalacións necesarias para o evento; a boa climatoloxía e o medio ambiente; o facilidade nas comunicacións para chegar á cidade; a experiencia e capacidade organizativa; o apoio cidadán; a solidez da economía e o seu bo crecemento; a calidade de vida de Vigo e os seus cidadáns; a plena confianza na xestión; a creatividade e excelencia en diversos ámbitos; o legado que deixará a Universiada; e os valores de comprensión, respecto e tolerancia que se crearán entre os universitarios do mundo.

O de hoxe foi un día dedicado ás visitas polas diversas instalacións da cidade. A Comisión, acompañada en todo momento polo tenente de alcalde e o equipo do proxecto, se desprazou ata a Universidade de Vigo, onde foron recibidos por reitor, Alberto Gago; a vicerreitora de Extensión Cultural, Mª do Carme Cabeza e varios técnicos da institución viguesa. Deste xeito, os responsable de avaliar a cidade puideron comprobar de primeira man o terreo do CUVI para localizar os espazos das instalacións proxectadas e as que xa están en funcionamento. A xornada serviu para desvelar publicamente algúns dos puntos claves no que a infraestruturas se refire. A máis salientable será a Vila Universitaria, que ocupará arredor de 150.000 metros cadrados de superficie e terá capacidade para 10.000 atletas. Estará situada xunto ao actual campus universitario e terá tamén edificios en altura, constituíndo unha peza de arquitectura "moi singular". Por outra banda, está prevista a remodelación dalgunhas instalacións xa existentes, como a pista de atletismo, e a construción dunha gran infraestrutura efímera que se empregará como comedor.

Un dos momentos máis distendidos da visita foi a plantación de oito árbores nun terreo anexo á pista de atletismo. Os oito bidueiros e unha placa conmemorativa lembrarán a visita desta Comisión técnica a Vigo. Pola tarde a comitiva visitou o pavillón das Travesas, onde foron recibidos por centos de deportistas, para desprazarse despois ata o Instituto Feiral de Vigo, onde está previsto que se sitúe a sede de tres dos deportes da competición e o Centro de Prensa.

Intensa reunión de traballo

Durante a reunión celebrada onte no edificio do antigo Reitorado, o grupo de traballo encabezado polo director do proxecto, Roberto Álvarez, foi explicando á Comisión os pormenores da Candidatura viguesa. Expertos en arquitectura, planificación deportiva, medios de comunicación, economía, medio ambiente e técnicos da Universidade de Vigo ilustraron o proxecto creado para o 2013. Trala explicación, os membros da Comisión se interesaron por temas como a capacidade hoteleira, o equipo de voluntarios ou o financiamento de todo o evento. A última hora da tarde foron recibidos polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e varios membros da Corporación Municipal no Pazo de Castrelos, ao que asistiron diversas personalidades do mundo da política, do empresariado vigués e do deporte.
1202306690UNIV072.jpg
1202306706UNIV07.jpg
Descargar todas as imaxes