Escoitar

Os mellores clubes da Comunidade competirán o domingo en Coia na Copa Nacional de Galiza de Loitas Olímpicas

O Pavillón Municipal de Coia acollerá este domingo 10 de febreiro a Copa Nacional de Galiza de Loitas Olímpicas, unha proba na que estarán representados os 19 mellores clubes galegos desta disciplina e na que participarán máis de 120 deportistas do máis alto nivel dentro da nosa Comunidade.

xoves, 7 feb 2008
1202396254loita070208.jpg
Neste campionato, que comprende as categorías júnior e cadete tanto masculinas como femininas, seleccionaranse os compoñentes das tres seleccións que competirán no Campionato de España das modalidades de loita libre olímpica, loita grecorromana e loita libre feminina.

Con motivo da proba do domingo achegaranse a Vigo deportistas das catro provincias galegas, en representación dos clubes Vilalba, Rábade, Láncara e Chantada (Lugo); Atila, de Ourense; A Coruña, Santa Uxía, Stellae, Técnicas del Cuerpo e Taido, da provincia da Coruña; e os clubes Kuzushi, San Ignacio, Ciudad de Vigo, Saudade, Sabarís, Lobeira de Vilagarcía, Keltoi de Vila de Cruces, Independente e Castro, da provincia de Pontevedra.

Os integrantes dos equipos celebrarán o domingo ás 10.00 horas unha reunión previa ao comezo do Campionato. A competición iniciarase ás 10.30 horas e finalizará ás 13.00, hora a partir da cal terá lugar a entrega de premios e trofeos que porá punto e final ao evento.

A Copa Nacional de Galiza de Loitas Olímpicas foi presentada este xoves nun acto no Concello ao que asistiron o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, o presidente da Federación Galega de Loitas Olímpicas, José Luis Olazábal, e o director técnico da Federación, Pablo Pintos. Xabier Alonso animou na súa intervención a todos os vigueses para que acudan a esta cita cun deporte que "paga realmente a pena". Pola súa parte, os representantes da Federación Galega agradeceron a axuda recibida de parte do Concello para a organización deste campionato en Vigo.
Descargar todas as imaxes