Escoitar

Vigo converterase en punto de encontro do sector das franquicias do 7 ao 9 de marzo con Franquiatlántico

Franquiatlántico, a feira das franquicias, celebrará a súa novena edición no IFEVI do 7 ao 9 de marzo, días nos que servirá de punto de encontro e lugar de negocio para profesionais e para todo o público interesado nun sector en auxe que o ano pasado facturou cerca de 20.000 millóns de euros e xerou 244.000 empregos en España.

xoves, 17 xan 2008
1200585151franquiatlantico170108.jpg
Franquiatlántico volve un ano máis co obxectivo de ofrecer un espazo idóneo para presentar as últimas novidades no mundo da franquicia e doutras oportunidades de negocio que xa se están implantando na actualidade ou que inician agora o seu proceso de expansión. Como en edicións anteriores, as empresas franquiciadoras e consultorías serviranse da feira para chegaren a acordos comerciais con futuros franquiciados e como plataforma de introdución e expansión no Noroeste peninsular, incluído o Norte de Portugal. Cen empresas teñen confirmada ata o de agora a súa presenza en Franquiatlántico 2008.

O salón conta cada ano coas principais enseñas nacionais e internacionais e o 50% das que se presentan en cada edición acoden por primeira vez, o que demostra o interese crecente das grandes firmas franquiciadoras polo ámbito de influencia de Franquiatlántico, que comprende Galicia, Asturias, Castela e León e o Norte de Portugal, así como o papel central que xoga Vigo nesta rexión. Así, a organización espera superar os resultados de 2007, cando 125 expositores se deron cita nunha feira que recibiu a visita de máis de 10.000 persoas.

Salón do Emprendedor

Conxuntamente con Franquiatlántico desenvolverase no IFEVI a sétima edición do Salón do Emprendedor do Atlántico, concibido como punto de contacto anual con empresas, institucións, asociacións, organismos e especialistas de referencia no sector das franquicias. O certame mantén este ano a súa filosofía inicial: ofrecer un espazo aberto no que articular unha "rede emprendedora" de administracións públicas, entidades privadas, asociacións e colectivos profesionais para fomentar a creación de novo tecido empresarial e permitir que calquera idea empresarial encontre as canles e recursos óptimos para converterse en realidade.

Deste xeito, o Salón do Emprendedor busca cumprir un dos obxectivos básicos de Franquiatlántico, dando a coñecer a emprendedores novos as difrerentes posibilidades de negocio, así como as facilidades e tipos de asesoramento cos que contan para poren en marcha unha empresa.

Actividades paralelas

Coa finalidade de ofrecer un espazo de interacción ás empresas participantes, Franquiatláncito complétase cun conxunto de actividades paralelas. Así, no Foro da Franquicia e o Emprendedor os profesionais presentarán diferentes ponencias sobre aspectos desta actividade empresarial, as súas necesidades e as súas tendencias futuras. Na Aula da Franquicia as empresas poderán expor en profundidade ante potenciais clientes os seus produtos e servizos. Finalmente, o VIII Premio Franquiatántico recoñecerá o labor das empresas participantes con galardóns para a enseña que máis destacou pola súa actividade ao longo do ano, para a firma estranxeira máis activa e para a empresa que presente unha mellor imaxe.
Descargar todas as imaxes