Escoitar

O Trofeo "Cidade de Vigo" de Kárate celébrase este sábado en Bouzas

Este sábado celébrase a oitava edición do Trofeo "Cidade de Vigo" de Kárate, unha "cita ineludíbel para o deporte vigués", segundo sinalou este xoves o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, na presentación do evento.

xoves, 22 nov 2007
1195738665karate221107.jpg
Na súa intervención, o edil destacou a importancia de conxugar nunha cita como esta a presenza de deportistas de primeiro nivel tanto no ámbito galego como internacional, xa que contará coa participación de karatekas galegos, asturianos, madrileños e portugueses, entre outros.

O torneo, no que os participantes vigueses teñen grandes posibilidades de ocupar os primeiros postos, celebrarase o sábado, día 24, no Pavillón de Deportes de Bouzas a partir das 16.30 horas, coa disputa simultánea nos tres tatamis das eliminatorias de kata, kumite e kobudo. Ás 18.30 horas celebraranse as finais e xa ás 19.00 terá lugar a entrega de medallas e trofeos.

Na proba, organizada pola agrupación deportiva Zanshin de Vigo, participarán, ademais desta, o Club Vila das Aves de Portugal, os clubes madrileños Hentana e Lorenzo Parra, a Asociación Segoviana de Kárate, os clubes asturianos Arenas e Pedregal, e o Club Bejana de Santander.
Descargar todas as imaxes