Escoitar

Inauguración das instalacións de ”Abrir Vigo ó mar”

venres, 27 xul 2001
O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, asistirá á inauguración das instalacións de ”Abrir Vigo ó mar” que se celebra hoxe ás 19:00 horas na praza do Edificio Dotacional, entre a dársena da Laxe e os xardíns de Elduayen.

Abrir Vigo ó Mar naceu co ánimo de facilitar a relación dos cidadáns co mar, que é fonte de riqueza e sinal de identidade de Vigo, explicou o alcalde. ”A mesma filosofía que inspirou aquel proxecto é a que se tenta aplicar nun amplo conxunto de iniciativas que abranguen todo o litoral do municipio e que buscan consolidar un modelo de cidade na que é compatible a actividade industrial coa conservación do contorno natural”, dixo Castrillo.

Tralo impulso dado nos últimos tempos polas distintas administracións implicadas, concluiuse a parte nuclear deste proxecto e, de seguido, realizaranse as obras que o complementan: a construcción da área comercial na entrada do peirao de trasatlánticos e a reordenación de espacios no porto deportivo coa nova localización da piscina do Real Club Náutico.

A construcción do túnel de Beiramar permitiu eliminar o tráfico rodado das Avenidas e da rúa Montero Ríos no tramo comprendido entre as rúas García Olloqui e Concepción Arenal. A desaparición do tráfico rodado e dos aparcamentos en superficie deste sector permitiu obter unha área peonal de grandes dimensións na que se inclúen os actuais xardíns de Elduayen.

Sobre a Plataforma Oeste dos xardíns de Elduayen construiuse un pequeno pavillón que remata a franxa central dos xardíns. Sobre o espacio restante, entre estes e a dársena da Laxe, érguese o Edificio Dotacional, que inclúe no seu interior as oficinas de turismo e a estación de ría, así como espacios reservados para usos comerciais e unha cafetería restaurante, organizados en torno a un gran distribuidor común.