Escoitar

Sete noites e sete músicas nas ”Noites temáticas”

venres, 27 xul 2001
A concelleira de Festas e Animación Socicoultural, Isaura Abelairas, presentou hoxe o programa dos concertos das ”Noites Temáticas” que se celebrarán entre os días 30 de xullo e 6 de agosto na praza do Rei. Os concertos comezarán ás once da noite, con entrada libre, e forman parte da programación das Festas do Cristo da Victoria.

As ”Noites temáticas”, cun total de 10 concertos, adicarase á música étnica, europea, tango, jazz, fado e folk.

O día 30 de xullo será a ”noite étnica” coa actuación de Habib Koite e Bamada. O martes, día 31, a ”noite europea” coa actuación de Fanfarria Çiorcalia. O 1 de agosto será a ”noite de tango” e actuará Tangata e Lorena Lores. O 2 de agosto ”noite de jazz galego” e saira á escena o grupo Abe Rábade. O 3 de agosto, ”noite de fado” a cargo de Maria do Ceo. O domingo 5 de agosto ”noite de folk galego” cos grupos Beladona e Anubía. E o 6 de agosto será unha ”noite de jazz” con La Calle Caliente.

HABIB KOITE

Virtuoso guitarrista maliense. Desde que saiu á luz o seu disco anterior, Ma Ya, deixou de ser un dos secretos máis gardados de África, para se converter nunha estrela destacada do panorama musical internacional.

Koité recibiu os mellores eloxios da crítica en centos de xornais e revistas, entre eles “People”, “Rolling Stone” y “The New York Times”, actuou nos principais programas de radio e televisión de difusión nacional e internacional, como “All Things Considered” en la NPR, “The World” en la BBC y “WorldBeat” en la CNN.

FANFARE CIOCARLIA

“Cando lle conto á xente que vimos de Zece Prajini, é como se lles dixese que vimos da fin do mundo. Pero que a fin de mundo é o lugar ideal para tocar a nosa música”, di o trompetista Costica Trifan.

Situado ao este de Rumanía e a un paso da república autónoma de Moldavia, o pobo Zece Prajani, que significa “as dez parcelas” está ao final dun camiño imposible ao pé das montañas. Toda a rexión caracterízase polo seu illamento, o seu terreo impracticable e a poesía particular dos seus habitantes.

Pola noite, cando o vento se calma, o eco transporta os sons da música que interpretan as fanfarrias. Aí é onde viven os músicos desta orquestra de metais chamada Fanfare Ciocarlia.

TANGATA

Tangata formouse no ano 1988. A partir desta data, o grupo evolucionou aumentando os seus compoñentes e ampliando o seu repertorio que abrangue máis de 60 obras. A metade dos temas que interpreta o grupo son instrumentais: tangos, milongas e valses. Todos e cada un dos temas son arranxos exclusivos. Na etapa actual, o grupo está composto por catro membros: bandoneón, piano, violín e contrabaixo. Con esta formación gravaron o seu primeiro CD baixo o título “Como en octubre”.

LORENA LORES

Cantante arxentina, que comezou a súa carreira como cantautora formando o dúo “Adán y Eva”. Desde o ano 1991 realizou presentacións en shows de distintos artistas, e sete anos despois lánzase como solista. No ano 1999 protagoniza o espectáculo de tango “Tangou”, dirixido por Aníbal Pachano, con música de Alberto Favero, en Uruguai e Bos Aires.

ABE RABADE TRIO

Abe Rábade Trío é unha formación de jazz acústico que naceu en Boston en 1996. É este un conxunto totalmente orientado ao jazz e que polo tanto persegue o estudio da súa tradición así coma un enfoque contemporáneo baseado no dinamismo e a improvisación. O seu repertorio é maioritariamente orixinal e inclúe composicións de estética hardbop así como estructuras dun carácter máis lírico. Das versións que fai o grupo cabe destacar material de Joanne Brackeen, Jerry Bergonzi, Chick Corea, Miles Davis, Joe Henderson, Pat Metheny, Freddie Hubbard ou Billy Strayhorn.

MARIA DO CEO

Nacida en Oporto, pero asentada en Ourense. Desde pequena, Maria do Ceo é dende mediados dos 90 un valor musical en alza dentro do panorama artístico galego. O secreto do seu recoñecemento popular e institucional na zona noroeste da península débese á súa capacidade de misturar a solemnidade do sentimento e a musicalidade portuguesa coa dozura e familiaridade do acento galego.

A súa andaina profesional comezou fai cinco anos dentro da formación galaico-portuguesa, Alfama, pero foi a súa carreira como solista a que lle valeu o éxito da crítica e do público. Os dous traballos editados ata agora “Cartas de Amor” e “Vellas Lembranzas” leváronna a distintos países europeos.

BELADONA

Beladona é un grupo folk que basea o seu repertorio en composicións tradicionais galegas procedentes de cancioneiros populares e de autor actualizadas por medio de arranxos que tentan reflectir as diversas personalidades que conforman o grupo.

ANUBIA

Anubía está composta por seis mulleres procedentes da comarca de Compostela: unha formación que aínda que nova xa dispón dunha dilatada traxectoria profesional. Como integrantes da agrupación “Cantigas e agarimos”, son convidados por Berrogüetto a participar na gravación e posterior xira do primeiro álbum.

LA CALLE CALIENTE

La Calle Caliente formouse en 1995, cando varios músicos cubanos, norteamericanos e españois decidiron reunirse para tocar Jazz Latino na sala “Salsa Parking” de Madrid.

Os seus compoñentes proceden do son, o jazz e a salsa, e formaron ou forman parte de míticas bandas como Irakere, Celia Cruz, Ketama, Larry Harlow, Héctor Lavoe, Lucrecia etc. O grupo é un septeto formado por tres ventos, piano, baixo, batería e percusión.