Escoitar

Vigo será a sede do campionato de España de Mountain Bike - II Trofeo Cidade de Vigo

martes, 17 xul 2001
imx456.jpg
O concelleiro de Deportes, Santiago Domínguez, presentou o evento máis importante do Estado en canto a bicicleta de montaña, que se celebrará nos montes de Coruxo do 20 ó 22 de xullo. Máis de mil corredores federados participarán nas especialidades de rally, descenso e dual slalom.

A Concellería de Deportes realizou un importante esforzo económico para que Vigo se convertese nun referente deste deporte. Marta Alfageme, representante de RP3, explicou que é a primeira vez que este evento se vai celebrar fóra dunha estación de esquí.

O circuíto, moi técnico e duro, vén avalado pola celebración da Copa de España de mountain bike o ano pasado, aínda que nesta ocasión será máis esixente. Marta Alfageme dixo que un membro da Unión Ciclista Internacional (UCI) felicitou o Concello de Vigo polo circuíto presentado.

O venres 20 de xullo comezará a actividade coa primeira carreira do campionato: o Team Relay en rally. Os equipos, un por cada federación territorial, estarán formados por catro corredores das categorías elite, sub 23, junior e fémina. É a primeira vez que se celebra unha proba de Team Relay no Campionato de España e agárdase un alto nivel de participación con case tódalas federacións representadas.

O sábado disputaranse as dúas mangas do descenso, no que os grandes favoritos son o gañador do ano pasado, David Vázquez (Giant), César Rojo (Global Team) e os irmáns Misser (Misser Bross). En féminas destacan a tamén gañadora do ano pasado Covadonga González (Kastle), Violeta Janeiro (Kastle Caixa Galicia) e Miriam Blas (Rotor EDR).

Tamén o sábado se disputarán as primeiras carreiras de rally nas categorías cadetes, veteranos, fémina junior, fémina cadete, junior, master e fémina elite.

O domingo celebraranse as carreiras do resto das categorías de rally nas categorías de elite e sub 23.

O dual slalom decidirase o domingo en dúas mangas. Esta modalidade disputarase nun circuíto, situado xunto á zona de meta, que se creou para a ocasión e no que destacan grandes saltos.

Máis información: www.solomontainbike.com
Descargar todas as imaxes