Escoitar

"Conta con Elas" organiza a xornada "Donas emprendedoras e innovadoras"

O novo Espazo da Muller Emprendedora (EME), situado na rúa Cánovas del Castillo, 2 (4º andar), acolle mañá martes a partir das 09.30 horas a xornada "Donas emprendedoras e innovadoras", organizada polo proxecto "Conta con Elas".

luns, 14 mai 2007
1179146096contaconelas.jpg
Esta xornada ten por obxectivo amosar ás mulleres emprendedoras, con ideas ou proxectos empresariais, en marcha ou non, e ás mulleres empresarias da Mancomunidade de Vigo tres experiencias que lles poden axudar a coñecer os métodos e estratexias necesarias para conseguir o éxito na creación da súa nova empresa.

Pilar Jérico, experta en xestión do talento, do medo e do poder e do seu impacto no liderado, no desenvolvemento profesional e no traballo en equipo, pronunciará unha conferencia co título "Innovación empresarial. Mulleres emprendedoras", que será presentada pola concelleira delegada da Mancomunidade para o Proxecto "Conta con Elas", Lucía Molares.

Ademais, a xornada contará coa participación de María Villar, unha emprendedora de 34 anos de idade que en pouco máis dun ano logrou introducir a súa marca de pasta "La Ricotta" nunha gran cadea de distribución alimentaria galega (Gadis), dándoa a coñecer a nivel estatal.

Pola súa parte, Victoria Millán ofrece desde a súa empresa "Calor Humano", integrada no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Vigo, servizos de atención a persoas maiores nos seus fogares, tanto aos que poidan valerse por si mesmos como aos que precisen coidados especiais.

O Proxecto "Conta con Elas" enmárcase dentro da iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través da sensibilización en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para corrixir a segregación horizontal e vertical no mundo laboral. O orzamento do proxecto, de case tres millóns de euros, é un dos máis altos de España.
Descargar todas as imaxes