Escoitar

Aprobada unha dotación anual de 236.000 para a Entidade Local Menor de Bembrive

O Concello compremétese a incluír nos seus orzamentos, a partir do exercicio 2007 e ata 2021, unha dotación de 236.000 euros para a consecución dos fins encomendados á Entidade Local Menor de Bembrive a través do convenio de colaboración e cooperación entre ambas as institucións.

luns, 14 mai 2007
1179143471xunta140507.jpg
O mencionado convenio establece como obrigas da Entidade Local Menor de Bembrive facer fronte aos custos de mantemento, conservación, reparación e limpeza de camiños públicos municipais con algún tipo de pavimentación situados ou que poidan situarse no ámbito xeográfico da dita entidade. Ademais, a Entidade Local Menor de Bembrive será responsable da conservación e limpeza das parcelas axardinadas, propiedade do Concello, situadas no seu ámbito territorial.

Pola súa parte, o Concello deberá executar as obras de renovación, ampliación e substitución das infraestruturas mencionadas, levando a cabo estas accións con cargo aos seus propios orzamentos.

Mercado do Progreso

Ademais, a Xunta de Goberno Local celebrada hoxe luns serviu para dar conta da solicitude dunha subvención de 239.000 euros realizada á Consellería de Innovación, Industria e Comercio para levar a cabo unha serie de investimentos no Mercado do Progreso, na que se inclúen a reparación de deficiencias estruturais e de deficiencias nas instalacións e a mellora das condicións hixiénicas.

Así mesmo, o Goberno local aprobou unha proposta de convenio de mutuo acordo para a resolución do contrato de concesión deste mercado. Como consecuencia do acordo municipal de asumir temporalmente a xestión desta concesión, a Xunta de Goberno decidiu iniciar, na súa reunión do pasado 23 de abril, un expediente de xeración de crédito por importe de 263.000 euros, cantidade resultante da suma das tarifas polo uso dos postos do mercado para 2007 máis as liquidacións de atrasos aos titulares dos postos ata marzo deste mesmo ano. Un novo contrato de concesión sairá a concurso proximamente, segundo anunciou o portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa.

Por outra parte, foi aprobado o convenio de colaboración entre o Concello e as Unións Comarcais dos sindicatos CC.OO., UXT e CIG, por un importe total de algo máis de 41.000 euros, que se repartirá en tres partes iguais duns 14.000 euros. O obxecto deste convenio é regular a colaboración e cooperación do Concello cos tres sindicatos para a prestación descentralizada dun servizo de información e atención á cidadanía, así como o desenvolvemento dun conxunto de accións sociais de interese xeral para os vigueses e viguesas.

Así mesmo, a Xunta de Goberno deu o seu visto bo ao proxecto de convenio de colaboración coa Federación de Peñas Recreativas "El Olivo" para o fomento de actividades de promoción da participación cidadá e desenvolvemento sociocomunitario, por un importe de 15.000 euros. "El Olivo" recibirá outros 18.000 euros en virtude doutro convenio de colaboración co Concello, neste caso para a organización do Magosto 2007.

Na área de Muller, aprobouse o proxecto de convenio de colaboración co Servizo Galego de Promoción da Igualdade do home e da muller para a prestación do Servizo de Información e Promoción da Igualdade para 2007. Entre as funcións deste servizo están achegar asesoramento xurídico e psicolóxico e información sobre recursos específicos para mulleres, así como colaborar na asistencia integral ás vítimas da violencia de xénero. Será obriga do Concello a prestación deste servizo, mentres que o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do home e da muller financiará esta actuación cun máximo de 30.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno declarou de interese social o Concurso Internacional de Tenis "Cidade de Vigo" 2007 e aprobou un gasto de 15.000 euros para o financiamento do convenio entre o Club de Campo de Vigo e o Concello para a organización deste evento.
Descargar todas as imaxes