Escoitar

O Goberno local espera que a construción do Auditorio-Pazo de Congresos comece no verán

A Xunta de Goberno Local concedeu unha prórroga ata o 31 de marzo para a total demolición das edificacións existentes nas parcelas de emprazamento do Auditorio-Pazo de Congresos. O Goberno local espera que as obras de construción desta infraestrutura comecen en agosto ou setembro.

luns, 12 feb 2007
1171288472xunta120207.jpg
Así mesmo, o Goberno municipal deu o seu visto bo ao proxecto de execución da cimentación e desviación de servizos para a construción desta infraestrutura, cun orzamento duns 13,9 millóns de euros. Segundo indicou o portavoz do Goberno, José Manuel Figueroa, as obras de construción do Auditorio poderían comezar en agosto ou setembro.

Pazo de Castrelos

Outro pazo, desta vez o Quiñones de León, viu adxudicado o concurso para a contratación do seu servizo de vixilancia. O importe do contrato para a prestación deste servizo no Museo Municipal ascende a 195.000 euros.

Aparcadoiros

Tamén foron aprobadas senllas revisións de tarifas para os aparcadoiros da praza do Rei e de Urzaiz. No primeiro, a tarifa por hora sobe de 1 euro a 1,03, mentres que no segundo pasa de 1,30 a 1,34 euros por hora. Estas subas corresponden ao incremento do IPC de decembro de 2005 a decembro de 2006, que foi do 2,7%, e foron solicitadas polas concesionarias dos aparcadoiros. A partir do 31 de agosto deste ano, coa adaptación á tarifación por minuto, os prezos quedarán en 1,7 céntimos por minuto no aparcadoiro da praza do Rei, e 2,2 no de Urzaiz.

Cursos para mulleres

Por outra parte, o Goberno municipal destinará uns 36.500 euros para financiar os cursos de formación e animación sociocultural para mulleres "Mollémonos, o camiño elíxelo ti". Concretamente, aprobáronse axudas para contratar a elaboración e desenvolvemento de 25 cursos diferentes, desde o de madeira, pintura, decoración e restauración ata o de iniciación á informática, pasando polos de atención e memoria, técnicas de relaxación, tai-chi ou arranxo floral.

Praias

Por último, a Xunta de Goberno aprobou o Plan de Ocupación e Explotación de Servizos nas Praias de Vigo para 2007, que consta dunha relación de 12 quioscos e un almacén de 20 m2 de superficie, distribuídos nos areais da Punta, Santa Baia, Tombo do Gato (2), Argazada, Samil (3), e O Vao (5). Neste último instalarase unha estación náutica, cunha subestación para piragüismo na praia de Samil. A estación náutica contará con dúas embarcacións de vela tipo catamarán, seis táboas de windsurf e 30 piraguas, que se repartirán a partes iguais entre O Vao e Samil.
Descargar todas as imaxes