Escoitar

A concellería de Festas presenta o programa do Entroido 2007

O concelleiro de Festas e Animación Sociocultural, Ignacio López Chaves, e o representante das Peñas Recreativas "El Olivo", Juan Carlos Padín, presentaron hoxe a festa do Entroido que se celebrará do 16 ao 21 de febreiro e conta cun presuposto de 100.000 euros. En roda de prensa, o concelleiro lembrou que serán 25 o número de comparsas que desfilarán tanto o sábado 17 como o mércores 21 e que competirán para levarse algúns dos premios establecidos.

luns, 12 feb 2007
1171286218entroido120207.jpg
Así, o primeiro premio estará dotado con 2.500 euros, o segundo 1.900 euros e o terceiro 1.300 euros. Tamén haberá premios especiais para a comparsa máis festeira (700 euros), 20 accésits (700 euros) e outro para a mellor caracterizada no desfile do enterro do Meco (850 euros).

Como actividade previa ao comezo oficial do Entroido , o xoves 15 terá lugar na Praza da Constitución a primeira xornada do concurso de coplas.

O inicio do Entroido será o día 16 ás 19:00 horas na Praza da Constitución cando se proceda á lectura do pregón. Despois continuará a segunda xornada do concurso de coplas e procederase a entronizar ao Meco, que este ano simbolizará o AVE e a Depuradora.

O sábado 17, o día do desfile de comparsas comezará ás 18:30 horas e percorrerá as rúas García Barbón, Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol que será o escenario, entre as 22:30 horas e as 02:30 horas, dunha verbena amenizada polas orquestras "Cinema Orquesta" e "Nueva Generación".

Para os máis pequenos haberá inchables, obradoiros e actuacións na Praza do Rei, lonxa do Concello e auditorio municipal de 16:00 a 20:00 horas, o domingo 18, luns 19 e martes 20.

Tamén o día 20 levarase a cabo o tradicional xuízo ao Meco, na Praza do Rei, e na xornada seguinte, 21 de febreiro, terá lugar o enterro do Meco e o desfile de comparsas acompañando ao cadaleito polas rúas García Barbón, Policarpo Sanz ata finalizar en Porta do Sol.

O programa do Entroido está organizado pola Concelleira de festas e Animación Sociocultural en colaboración coa Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e a Federación de Penas Recreativas.
Descargar todas as imaxes

Máis información