Escoitar

A Casa das Artes acolle unha exposición de arquitectura de vangarda en Vigo

A Concellaría de Cultura presenta unha exposición de producción propia sobre a primeira arquitectura da modernidade en Vigo: "Arquitecturas de Vangarda. Vigo, 1933-1944". A mostra inaugúrase hoxe xoves ás 20.00 horas na Casa das Artes.

xoves, 25 xan 2007
1169735319servet.jpg
Depósito do Instituto Miguel Servet
"Arquitecturas de Vangarda. Vigo, 1933-1944" fai un completo percorrido pola chamada Arquitectura Racionalista e completa o proxecto iniciado coa publicación do libro "Arquitectura Racionalista en Vigo", do que é autor José L. Varela Alén, comisario dunha exposición que se desenvolve dentro do convenio para a realización de actividades culturais asinado polo Concello de Vigo e a Fundación Caixagalicia.

A montaxe é un xogo co espectador, que se atopa ao entrar na sala nun bosque de obxectos que rememoran elementos da mellor arquitectura racionalista viguesa.

Os materias que forman parte da exposición son fotografías dos edificios, reproducións dos proxectos, maquetas e audiovisuais.

En vintecatro mobles expositores dispóñense fotografías e planos dos edificios máis relevantes. A fotografía corre a cargo dos profesionais Manuel G. Vicente e fondos do Arquivo Pacheco.

Entre as maquetas cóntase con dous orixinais do Edificio Curbera e o chalet Publio Mateo de Francisco Castro, ademais doutras que foron realizadas para a exposición, como o Depósito para o Instituto Servet do Arquitecto Joaquín Vaquero Palacios e a Biblioteca Mariñeira de Francisco Castro.

Nunha gran vitrina recóllense os proxectos non realizados, entre eles dous proxectos diferentes para o solar que ocupa o cine Fraga, obra de Francisco Castro e Jenaro de la Fuente Álvarez. Tamén dúas propostas para o Clube Social e Marítimo de Vigo, de Emilio Salgado e Francisco Echenique, así como o Edificio de vivendas e Aeroporto para Vigo de Jenaro de la Fuente, ademais dun proxecto non realizado para a ampliación da Fábrica Ribas de Francisco Castro.

Antecedentes

A principios do século XX o estado da bagaxe cultural en España estaba dominado por unha mestura de eclecticismo e rexionalismo. A finais dos anos 20, uns xoves arquitectos, Mercadal, Sert e Aizpurúa entre outros, adoptan posicións moi reivindicativas, que serán defendidas coa creación en 1930 do GATEPAC (Grupo de Artistas e Técnicos Españois para a Arquitectura Contemporánea). Tiñan como compromiso elaborar unha linguaxe racionalista, rexeitando o establecido ata ese momento, tendo en conta o contexto social e vinculándose a el, asimilando o coñecemento do contemporáneo en arquitectura e cultura que suprimise o illacionismo da cultura arquitectónica española. O desenvolvemento deste ideario truncouse en sete ou oito anos coa Guerra Civil.

A principios dos 30, chegaban da Escola de arquitectura de Madrid a Galicia uns arquitectos novos que viñan de se titular, "empapados" de coñecementos vangardistas. Tratouse, pois, dunha introdución tardía, na que mesturarán as linguaxes racionalista, decò ou expresionista e nos que se manterán os formulamentos construtivos tradicionais. Así xurdirán interpretacións dunha singularidade excepcional, onde o canteiro e a pedra terán protagonismo.
Vigo e A Coruña serán as cidades canalizadoras da nova linguaxe de vangarda.

Racionalismo en Vigo

En Vigo, no periodo comprendido entre 1933 e 1944, arquitectos como Francisco Castro, Pedro Alonso, Jenaro de La Fuente, Romualdo Madariaga, Antonio Cominges ou Joaquín Vaquero deixarán exemplos, a maioría construídos e outros no papel do que interpretaban por vangarda, aínda que iso non impedise que moitos traballasen con "outras" linguaxes.

Nesta mostra realízase unha selección de obras arquitectónicas en Vigo, un achegamento, nun periodo convulso da nosa Historia, a un estilo arquitectónico de escasa vixencia e de pouco arraigo. O ámbito abarcado recolle edificios e proxectos que marcaron o desenvolvemento urbano da cidade. A orde seguida é segundo criterios tipolóxico-funcionais, entendida dende a súa implantación urbana. As ubicacións destes proxectos responden aos crecementos de ensanche da época, a mazá pechada, que dará lugar a edificacións entre medianeiras, en esquina, actuacións unitarias, vivendas unifamiliares, edificios con uso específico e industriais, ademais de locais comerciais.

Arquitectura non construída

Moitos destes proxectos quedaron, por diferentes circunstancias, no papel. Algúns, de excelente calidade e que chegaron ata nós para así poder completar un estudo bastante completo dun periodo onde na nosa cidade acontecían á súa vez sucesos claves, como a presentación en 1934 do Proxecto de Ensanche e Reforma Interior de Vigo, do arquitecto Antonio Palacios, derogado en 1939.

"Arquitecturas de Vangarda" permanecerá na planta baixa da Casa das Artes ata o 18 de febreiro.
1169735319servet.jpg
1169735389biblioteca.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información