Escoitar

Os grupos políticos perfilan as súas posturas arredor do Plan Xeral

A Xunta de Voceiros recibiu hoxe xoves do xerente de Urbanismo información sobre a situación actual do Plan Xeral despois da resolución da Consellaría de Política Territorial e da reunión de antonte en Santiago entre a conselleira e a alcaldesa.

xoves, 25 xan 2007
1169738449xeren250107.jpg
O xerente, Xavier Rivas, dixo que tras o encontro entre María José Caride e Corina Porro quedou "aberto" un "proceso de traballo en termos estrictamente técnicos", que se concretará nunha serie de reunións entre responsables da Xunta e do Concello que comezará o próximo luns en Compostela. O obxectivo destas reunións será, segundo indicou Rivas, resolver nun mes e medio a paralización do Plan. O xerente engadiu que non é necesario que o PXOM pase por un novo periodo de exposición pública.

O portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa, afirmou que o estado actual do Plan Xeral "é un problema puramente técnico" e sinalou que "o modelo de cidade está establecido", polo que "non temos que marcar ningunha directriz política máis". Figueroa engadiu que o seu Goberno quere que o Plan reciba o visto bo da Xunta "o antes posible", xa que unha paralización demasiado prolongada significaría, segundo dixo, que moitas empresas escollerán outros lugares antes que Vigo para establecérense.

Pola súa parte, o portavoz do PSdeG-PSOE, Mauricio Ruiz, manifestou máis unha vez as súas dúbidas sobre a viabilidade xurídica dun Plan que, na súa opinión, "ten que volver ao Pleno e ser coñecido polos cidadáns". Segundo Ruiz, a actitude do Goberno local con respecto ao PXOM ten por obxectivo conseguir que sexa a Consellaría de Política Territorial a que modifique a súa decisión.

Neste sentido, Xavier Toba, do BNG, afirmou que a resolución feita pública pola Consellaría o 19 de xaneiro contén "equivocacións de bulto" e conta con "pouco substento" técnico. Toba engadiu que "Vigo necesita un Plan Xeral" e que o presentado polo Concello é "un moi bo Plan Xeral".

O portavoz do PG, Manoel Soto, dirixiu ao PSdeG-PSOE a pregunta de "se van ter vontade política de converxencia" para chegar a unha postura consensuada sobre o PXOM dentro do Concello.
Descargar todas as imaxes