Escoitar

A Mancomunidade de Vigo facilitará a obtención de emprego a preto de 2.000 persoas a través do proxecto Compás

xoves, 28 feb 2002
A Mancomunidade de Vigo lidera o proxecto “Compás”, unha iniciativa que obtivo o apoio financeiro da Unión Europea e coa que se pretende facilitar a busca e obtención de emprego a unhas 2.000 persoas con dificultades para atopar un posto de traballo. No proxecto participan tamén a Xunta de Galicia, os sindicatos e a Confederación de Empresarios.

O alcalde de Vigo e presidente da Mancomunidade, Lois Castrillo, salientou o feito de que o proxecto esté impulsado de forma conxunta por distintas institucións públicas e polos axentes sociais máis implicados no eido do emprego. Castrillo xustificou o esforzo da Mancomunidade en materia de política de emprego polo alto índice de paro da comarca viguesa, por riba da media estatal.

Delfín Fernández, o concelleiro delegado pola Mancomunidade para o proxecto “Compás”, explicou que o obxectivo da iniciativa é o de mellorar, mediante accións individualizadas, as condicións de persoas con dificultades para acceder a un emprego. O proxecto desenvolverase durante trinta meses. O investimento previsto é de 2.854.877 euros.

De forma paralela ás accións locais, o proxecto “Compás” prevé a execución de iniciativas conxuntas con outras entidades europeas. Para desenvolver a parte transnacional do proxecto, a Mancomunidade de Vigo conta con varios socios: a Fundación para o Desenvolvemento do Val de Campanha (Porto), o Centro Studi Ibleo (Sicilia) e o Concello de Xerez. Hoxe reúnense en Vigo todos eles para definir as accións conxuntas que se van emprender e os medios técnicos, humanos e económicos que se utilizarán.