Escoitar

O Goberno local realiza unha proposta de tarifación por minutos para os aparcadoiros municipais

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns unha proposta que inclúe unha lista de tarifas por minutos para a súa aplicación por parte dos aparcadoiros municipais en réxime de concesión administrativa a partir do 31 de agosto.

luns, 15 xan 2007
1168867949xunta150107.jpg
Con esta proposta, o Concello quere adaptar o funcionamento destes aparcadoiros á lei que os regula, modificada o pasado 29 de decembro para mellorar a protección dos consumidores e usuarios. Na súa proposta, o Goberno local establece tarifas por minutos dividindo por 60 as cantidades que os aparcadoiros municipais perciben por hora na actualidade. Deste xeito, as tarifas a partir do 31 de agosto serían as seguintes:

- Porta do Sol: 2,58 céntimos/minuto
- Praza de Portugal: 2,00 cts/min.
- Rúa Venezuela: 1,80 cts/min.
- Rúa Coruña: 1,80 cts/min.
- Praza de Fernando o Católico: 1,80 cts/min.
- Praza da Independencia: 2,00 cts/min.
- Rúa Urzaiz: 2,16 cts/min.
- Praza do Rei: 1,66 cts/min.
- Jenaro de la Fuente: 1,90 cts/min.
- Praza de América: 1,25 cts/min.
- Camelias-López Mora: 1,25 cts/min.
- Praza Elíptica: 0,66 cts/min.

O portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa, indicou que esta proposta se discutirá con cada unha das concesionarias por separado, e que a intención do Goberno é que se manteñan estas tarifas. "En principio, o 31 de agosto non subirán os prezos", engadiu. Ademais, Figueroa lembrou que esta é unha data límite, e que a intención do Goberno local é "que sexan de aplicación o antes posible". No caso dos aparcadoiros privados, a data límite para adaptarse á modificación da lei é o 31 de maio.

Coa entrada en vigor da tarifación por minutos, os aparcadoiros veranse obrigados a instalar nos seus caixeiros automáticos os mecanismos necesarios para admitir e devolver moedas de 1 e 2 céntimos de euro. O acordo adoptado hoxe luns pola Xunta de Goberno sinala que se o 31 de agosto os caixeiros non cumpren esta condición o pagamento se realizará en fraccións de 5 céntimos, con reducións á baixa para que os usuarios non teñan que pagar polas unidades de tempo non consumidas.
Descargar todas as imaxes