Escoitar

A Sala de Arqueoloxía do Museo de Castrelos reabre as súas portas

A Sala de Arqueoloxía do Museo Municipal "Quiñones de León" reanuda hoxe xoves as súas actividades despois de varios meses de traballos internos, obras de reforma e reordenación da súa exposición permanente.

xoves, 19 out 2006
1161266452arqueoa.jpg
As obras da Sala de Arqueoloxía consistiron nunha reforma xeral das antigas vitrinas e do sistema de iluminación xeral da sala, así como na substitución de escaleiras por ramplas para mellorar a accesibilidade. Ademais, instalouse unha varanda, reformouse a instalación eléctrica, realizouse un pintado da sala e tratáronse algúns problemas de humidade.

Tamén se levaron a cabo obras na capela contigua á sala, mellorando sensiblemente a iluminación e o aspecto das paredes ao se retiraren o aplacado de mármore e o forrado de madeira. Este proceso incluiu, así mesmo, a retirada do retablo, que foi sometido a un tratamento técnico de limpeza superficial e restituído ao remate das obras. As melloras tamén afectaron á recepción do Pazo-Museo.

Finalizadas as reformas, iniciouse o proceso de reformulación dos contidos da exposición permanente da Sala de Arqueoloxía, seguindo o deseño museográfico da arqueóloga-museóloga Pilar Barciela.

O discurso da sala preséntase mediante temas monográficos en tres sectores ou bloques cronolóxicos: Prehistoria, cultura castrexa e romanización. Os obxectos expostos dispóñense en vitrinas de parede e mesas centrais, que se complementan con elementos exentos. A lectura do discurso realízase en sentido circular en cada un dos tres sectores, comezando polas vitrinas de parede e acabando nas mesas centrais.

Esta reordenación de contidos obedece á finalidade de mellorar a conservación preventiva das pezas e ofrecer unha exposición máis didáctica, considerando o peso dos grupos escolares na importante demanda de que é obxecto a Sala de Arqueoloxía.

Os materiais que conforman a mostra proceden dos xacementos emblemáticos do termo municipal: O Castro de Vigo, a vila de Toralla e a necrópole do Areal. A proposta museográfica segue criterios divulgativos e por iso inclúe as pezas que se consideraron máis representativas e mellor conservadas, ata completar un total de 498 pezas.
1161266452arqueoa.jpg
1161266466arqueob.jpg
Descargar todas as imaxes