Escoitar

O Vao acolle este sábado a última proba do Campionato Galego de motos de auga

A praia do Vao acolle este sábado a quinta e última proba do Campionato Galego de motos de Auga e Embarcacións Pneumáticas 2006, cita organizada pola Federación Galega de Motonáutica co patrocinio do Concello de Vigo e a Dirección Xeral para o Deporte.

mércores, 18 out 2006
1161175358motosacua181006.jpg
A proba foi presentada hoxe mércores pola concelleira Lucía Molares e o presidente da Federación Galega de Motonáutica, Antonio Iglesias
Unha vez desputadas as catro primeiras probas, os primeiros postos das diferentes clasificacións xerais están bastante definidos, polo que, salvo sorpresa, haberá pleno vigués. En motos de auga é onde a situación está máis clara, apesar de que os pilotos aínda non poden desbotar a posibilidade de obter os seus peores resultados da temporada.

Na modalidade de Jet Ski, de motos de auga, a viguesa Sandra Fernández impúxose en tres das catro probas desputadas ata o de agora, o que fai pensar que a renda de que dispón será suficiente para proclamarse campiona galega polo simple feito de participar na carreira do sábado no Vao. Se a previsión se cumpre, Sandra Fernández revalidaría o seu título autonómico.

Así as cousas, a atención céntrase na reñida loita polos outros dous postos do podio final. O piloto de Cangas Carlos Avelino Blanco ocupa actualmente a segunda praza con 64 puntos, seguido moi de cerca polo vigués Roberto Luciarte (58) e o marinense Isidoro Carabelos (50).

Na outra modalidade de motos de auga, a Maxi, a situación é bastante parecida. Fernando Pazó, gañador tamén de tres das catro probas realizadas, ten na súa man revalidar o título de campión de Galicia. Para conseguilo tamén lle basta con participar nesta última proba. Mentres, nesta modalidade a segunda praza parece moito máis clara que en Jet Ski, e será para o corredor de Vilagarcía Pablo Lindner (70 puntos), a non ser que cometa algún erro e lle conceda a oportunidade de escalar un posto ao vigués Enrique Prado (60), á súa vez asediado polo piloto de Cambados Juan José Falcón (57).

Por último, en embarcacións pneumáticas a loita polo Campionato Galego preséntase apaixonante, con opcións de triunfo para os catro primeiro da clasificación xeral. O liderado provisional ocúpao José Ramón Perfecto (738 puntos), pero José Lorenzo (600), Francisco José Pereira (527) e Juan Carlos Solla (525) manteñen intactas as súas posibilidades de alcanzar a primeira praza.

A organización desta quinta proba do Campionato Galego na praia do Vao conta coa colaboración do Club Motonáutica Vigojet, a Policía Local, Protección Civil e o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil.
Descargar todas as imaxes