Escoitar

Novas axudas do proxecto "Conta con elas" para promover a igualdade no traballo

A concelleira da Muller, Lucía Molares, presentou hoxe mércores a Rede de Empresas pola Igualdade e a acción Promociona, dúas iniciativas que se inclúen no proxecto "Conta con elas" e que consisten na achega de axudas a empresas para posibilitar a igualdade entre mulleres e homes no mundo laboral.

mércores, 18 out 2006
1161173486contaconelas.jpg
Estas accións son executadas pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), entidade asociada a "Conta con elas". A vicepresidenta da CEP, Encarna Álvarez, explicou durante a presentación das axudas que estas se dirixirán á realización de "accións positivas de cara á incorporación e permanencia das mulleres no mercado laboral", facéndolles posible conciliar traballo e vida familiar.

A Rede de Empresas pola Igualdade ten como obxectivo favorecer as empresas que apliquen medidas efectivas a prol da igualdade de oportunidades no territorio da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. As actuacións subvencionables serán as destinadas á conciliación da vida laboral e familiar dentro das empresas. Entre estas medidas están a implantación de sistemas de traballo a distancia, convenios ou concertos con garderías e/ou centros de día, e a construción de vestiarios e baños para mulleres nos lugares de traballo. As axudas por empresa serán de 4.000 euros como máximo e nunca superiores ao custo das actuacións que se leven a cabo.

Promociona ten como finalidade incentivar a promoción das mulleres traballadoras, algo que, segundo recordou Lucía Molares, se acepta xeralmente en teoría, pero non é unha realidade na nosa sociedade actual. Esta iniciativa concretarase en axudas para a formación a medida de mulleres en 30 empresas da Área Intermunicipal de Vigo. O importe máximo destas axudas será de 2.300 euros por empresa.

"Nuns días", de acordo co anuncio da concelleira, abrirase o prazo de solicitude de subvencións correspondentes á Rede de Empresas pola Igualdade e a Promociona. As bases da convocatoria están a disposición dos interesados nas instalacións da CEP (Avda. García Barbón nº 104, 1º andar).

"Conta con elas" é un proxecto de emprego da iniciativa comunitaria Equal promovido pola Agrupación de Desenvolvemento "Área Metropolitana de Vigo" e cofinaciado polo Fondo Social Europeo. Cun orzamento de 2,7 millóns de euros, está dirixido a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través da sensibilización en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para corrixir a segregación horizontal e vertical no mundo do traballo.

O proxecto conta con tres centros territoriais en Vigo, O Porriño e Redondela, e tres centros sectoriais especializados en materia de xénero, nos sindicatos CCOO, CIG e UXT. Ademais destes tres sindicatos, están asociados á Agrupación de Desenvolvemento da Área Metropolitana a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, como entidade pública responsable, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Deputación Provincial, a Fundación Caixanova e a Universidade de Vigo.
1161173486contaconelas.jpg
1161173500contaconelas181006.jpg
Descargar todas as imaxes