Escoitar

Educación edita unha guía de centros públicos de infantil e primaria

martes, 29 xan 2002
imx1037.jpg
A concelleira de Educación, Ana Gandón, presentou a Guía de centros públicos de educación infantil e primaria 2002-2003 que se enviará, con cadanseu certificado de empadroamento, ás 9.000 familias viguesas con nenos en idade de facer a reserva de praza para o vindeiro curso.

A guía é un instrumento completo e fácil de manexar que dispón de información coas características, equipamento e instalacións de cada centro educativo da rede pública para facilitar a escolla. Conta cunha relación de institutos de secundaria, dun calendario co proceso de admisión do alumnado, bolsas e axudas, puntos de información, outros centros públicos que complementan a oferta educativa existentes en Vigo como a Universidade Popular, a Escola Municipal de Teatro e maila Escola Municipal do Xogo, ademais dun vocabulario de termos utilizados.

O coordinador da guía, Juan Centrón Montero, explicou que contén as características do ensino público de calidade que responde ás necesidades do alumnado. Trátase dunha escola gratuíta, aberta á diversidade, participativa, con profesorado cualificado en continua formación, integrada e relacionada co medio, organizadora de actividades e que conta con servicios complementarios como os comedores escolares e a rede gratuíta de transporte.

Xornada de portas abertas

As xornadas de portas abertas celebraranse do 12 ó 14 de marzo co obxectivo de que tódalas persoas interesadas poidan coñecer as características e o funcionamento dos centros educativos. Nalgúns dos centros haberá proxeccións de vídeos sobre as actividades desenvolvidas polos rapaces.

As persoas que queiran coñecer un determinado centro e non poidan acudir nesas datas poden poñerse en contacto coa dirección para solicitar a visita noutra data.

Descargar todas as imaxes