Escoitar

O prazo para inscribirse nos obradoiros teatrais de verán acaba o venres 23

O concelleiro de Educación, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe luns os "Obradorios monográficos de verán 2006", que se levarán a cabo na Escola Municipal de Teatro durante o mes de xullo. Os obradoiros, de 20 horas cada un, son catro e teñen os seguintes contidos: o xesto e as accións físicas na escena, o teatro lorquiano, a iniciación na interpretación e o teatro cómico.

luns, 19 xuñ 2006
1150719992chaves190606.jpg
López-Chaves animou a xente a participar nestes obradoiros para que "a súa formación na Escola Municipal de Teatro poida completarse". A responsable da Escola, Antonia Céspedes, lembrou pola súa parte que estes cursos poden servir tamén de iniciación aos que nunca estudaron teatro, e salientou o alto nivel dos profesores que impartirán os obradoiros. Antonia Céspedes recordou que o calendario dos obradoiros e os seus horarios de mañá e tarde posibilitan a participación de calquera persoa en todos e cada un destes cursos.

Inscrición

A inscrición nestes obradoiros está aberta a todas as persoas maiores de 18 anos que teñan interese en iniciarse ou mellorar as súas habilidades nesta arte. O prazo para solicitala finaliza o 23 de xuño. A inscrición pode realizarse polas mañás no Departamento de Educación do Concello, e de 17:30 a 19:30 horas na Escola Municipal de Teatro. As listas de admitidos poderán ser consultadas o 26 e o 27 de xuño e a matrícula, que é de 40 euros para cada obradoiro, poderá formalizarse os días 28, 29 e 30 de xuño.

Máis información no teléfono do Departamendo de Educación do Concello (986 81 01 81, en horario de 8:00 a 15:00 horas), no da Escola Municipal de Teatro (986 48 53 24, de 17:00 a 18:30) e en www.vigo.org.
Descargar todas as imaxes

Máis información