Escoitar

Ignacio López-Chaves anima os escolares a preservar a artesanía tradicional

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Ignacio López Chaves, presidiu hoxe venres a entrega de premios do concurso "Cousas dos avós", convocado polo Centro de Artesanía Tradicional (CAT) e dirixido a escolares de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO que cursan os seus estudos en Vigo.

venres, 16 xuñ 2006
1150456896CAT160606cesto1.jpg
O CAT convocou este concurso co gallo do Día das Letras Galegas, para que os rapaces e rapazas se involucrasen na conservación do noso patrimonio cultural e se achegasen ao mundo da etnografía.

Con "Cousas dos avós", o CAT pretendía que os escolares realizasen un traballo de investigación sobre os oficios tradicionais, recorrendo principalmente aos seus avós, pais e veciños para recolleren información.

Numerosos traballos se presentaron como resposta a esta convocatoria. O xurado, presidido polo propio concelleiro de Patrimonio Histórico, elixiu gañador o dos alumnos de 5º B do Colexio CEP Doutor Fleming. Este traballo, centrado na temática da obtención do liño, baseouse nun labor de documentación previo e presentouse xunto con pezas orixinarias das que conformaban todo o proceso de tratamento do liño. Con estas pezas, propiedade dos seus familiares, os escolares levaron a cabo unha exposición no seu colexio.

O CAT premiou onte xoves o esforzo dos alumnos do Colexio Doutor Fleming levándoos a coñecer o obradoiro do carpinteiro Javier Fernández Lage, en Ponteareas. Javier Fernández Lage é especialista en facer sellas. Hoxe venres, o colexio gañador recibiu unha maleta didáctica con pezas correspondentes a sete oficios tradicionais: oleiro, seleiro, ferreiro, canteiro, cesteiro, tecedeira e carpinteiro. Ademais, o CAT obsequiou o Colexio Doutor Fleming co DVD "Cestos do Mar de Vigo", e a profesora coordinadora do traballo cun lote de libros de carácter etnográfico. Finalmente, Ignacio López-Chaves entregoulles a cada un dos alumnos do Doutor Fleming o seu propio traballo publicado en formato de revista.

No mesmo acto de entrega deste premio tamén recibiron senllos accésits os centros escolares Maristas e Martín Códax. Estes accésits consistían nunha maleta didáctica para cada un dos centros, así como un lote de libros de etnografía para os mestres que coordinaron a actividade.

Ignacio López-Chaves deulles a noraboa a todos os premiados, agradeceu o seu esforzo e animounos a aprender máis sobre a artesanía tradicional "para divulgala e para que non desapareza".

Finalizada a entrega de premios, os rapaces e rapazas realizaron unha visita á Casa do Cesteiro, acompañados polo cesteiro Antonio Suárez.
1150456896CAT160606cesto1.jpg
1150456931CAT160606cesto.jpg
Descargar todas as imaxes