Escoitar

O Concello e Médicos do Mundo asinan un convenio para a atención a usuarios de drogas

Este convenio, dotado cun orzamento de 194.000 euros, ten por finalidade a prevención do consumo de drogas, a través dun proxecto de redución de danos e inclusión social de drogodependentes que se desenvolverá ata o fin de 2007.

xoves, 15 xuñ 2006
1150372913medicos150606.jpg
O Concello achegará 130.000 euros (65.000 este ano e o resto en 2007), divulgará o proxecto nos medios de comunicación e artellará os medios técnicos para a súa orientación, supervisión e avaliación.

Pola súa parte, Médicos do Mundo, ademais de achegar o resto do orzamento, comprométese a realizar actividades e proxectos de prevención e promoción da saúde, particularmente dirixidos ao colectivo de drogodependentes. Con este fin, Médicos do Mundo porá os medios técnicos, materiais e humanos para o correcto desenvolvemento do convenio.

Este proxecto bianual vén precedido polas accións que se levaron a cabo de 2001 a 2006. Segundo a educadora de rúa e traballadora social de Médicos do Mundo Vigo Patricia Torrado, durante estes últimos cinco anos fíxose en Vigo "moita intervención na rúa" grazas á colaboración entre a ONG á que pertence e o Concello. Con todo, para Patricia Torrado Vigo non é unha cidade especialmente conflictiva no que se refire ao consumo de drogas, xa que "hai problemas pero non medo".

Marta Iglesias, concelleira de Benestar Social, afirmou hoxe xoves despois de asinar o convenio que este é "un dos que funcionarion mellor no último Plan Local sobre Drogodependencias" e outras Adiccións. Por este motivo, explicou Marta Iglesias, o Concello decidiu aumentar a súa achega anual dos 52.000 euros de 2005 aos 65.000 deste ano.

Durante 2005, Médicos do Mundo atendeu en Vigo 728 personas con consumo problemático de drogas a través dos programas de redución de danos que se desenvolven desde o Centro de Redución de Danos (CEREDA) e a Unidade Móbil, realizando un total de 3.810 atencións. Ademais, Médicos do Mundo entregou 18.034 xeringas novas e recolleu 18.591 usadas. A nivel galego, esta ONG realizou 5.155 atencións a 1.243 persoas con consumo problemático de drogas.
Descargar todas as imaxes