Escoitar

As subvencións a entidades deportivas ascenderán a 680.000 euros esta temporada

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns as bases para a concesión de subvencións a entidades deportivas de Vigo para a temporada 2005-2006, autorizando un crédito de 680.000 euros con cargo ao orzamento deste ano.

luns, 22 mai 2006
1148303574xunta220506.jpg
Estas bases teñen por obxecto regular a acción de fomento do deporte e da práctica deportiva realizada e xerada polas entidades deportivas que teñen o seu enderezo social en Vigo. A convocatoria está aberta a todas as entidades deportivas.

Con respecto a anos anteriores, as bases deste ano establecen a necesidade de achegar máis documentación, polo que o prazo da convocatoria se incrementa ata os 30 días naturais.

Limpeza de colexios

Tamén foi autorizado o gasto duns 2,3 millóns de euros, con cargo ao vixente orzamento, para a contratación do servizo de limpeza dos colexios e escolas públicos, así como o de 30.000 euros anuais para limpezas extraordinarias.

Socorrismo

Por outra parte, a Xunta de Goberno acordou destinar 135.000 euros ás tarefas de salvamento e socorrismo que se realizarán do 15 de xuño ao 15 de setembro próximos. Os areais incluídos neste acordo son os da Punta, Tombo do Gato, Argazada, Fontaíña, Canido, Rodas e Fortiñón (todas elas cunha torre de vixilancia), ademais de Samil (con tres torres) e O Vao (con dúas).

Contaminación acústica

Así mesmo, resultou aprobado o texto dun convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Vigo para a elaboración dunha ordenanza municipal sobre a contaminación acústica. O Concello achegará 30.000 euros para a realización deste proxecto, da que se encargará un equipo de investigación dirixido porlo profesor Luis Espada Recarey, do Departamento de Enxeñería Química.

Outros acordos

A Xunta de Goberno tamén deu o seu visto bo á disposición de 38.000 euros como achega municipal ao financiamento de programas de prevención e incorporación social de drogodependencias para o exercicio 2006-2007. Polo mesmo acordo, o Goberno local solicítalle á Xunta de Galicia que subscriba o correspondente convenio.

Por último, o Concello asinará un convenio de colaboración coa Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores, por importe de 27.000 euros, para o desenvolvemento de actividades de dinamización infantil e xuvenil durante 2006.
Descargar todas as imaxes