Escoitar

O Concello asume temporalmente a xestión do Mercado do Progreso

O Goberno local decidiu hoxe venres nunha xunta extraordinaria asumir a xestión directa do Mercado Municipal do Progreso. Onte á tarde Unión Fenosa cortou o subministro eléctrico ao mercado e hoxe venres Aqualia ordenou o corte do de auga, por falta de pagamento.

venres, 10 mar 2006
1141998355MERCADO100306.jpg
Agora, os técnicos municipais deberán elaborar un expediente informativo que determine as causas que motivaron a situación en que está o Mercado do Progreso e as medidas oportunas para subsanala.

Unha vez notificado o acordo da Xunta de Goberno, a concesionaria deste servizo, a Asociación de Comerciantes e Vendedores do Mercado do Progreso, terá un prazo de dez días para poder presentar, á vista do expediente informativo, as alegacións e a documentación que estime conveniente para defender os seus intereses.

Mentres non se substancie o expediente informativo, o Concello garantirá a prestación do servizo de mercado xestionándoo directamente. Tres empregados municipais realizarán as funcións de vixilancia e control destas instalacións. Ademais, o Concello levará a cabo a xestión económica e contable do mercado.

Para restablecer os subministros de electricidade e auga, o Goberno local porase en contacto inmediatamente con Unión Fenosa e Aqualia. O custo do restablecemento destes servizos correrá a cargo do Concello e revertirá posteriormente na empresa concesionaria do mercado.

Segundo afirmou o portavoz do Goberno local, José Manuel Figueroa, a situación do Mercado do Progreso pode derivar no rescate da concesión por parte do Concello.
Descargar todas as imaxes