Escoitar

Gaia acollerá a exposición de apertura da VII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

Galicia e Norte de Portugal disporán dunha nova Axenda Cultural que anunciará os acontecementos máis relevantes dos 18 concellos da eurorrexión

venres, 10 mar 2006
1141995494bienal_pintura.jpg
A Cámara Municipal de Gaia acollerá a entrega de premios e a exposición inaugural da VII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, segundo a proposta unanimemente aceptada pola Comisión Delegada de Cultura do Eixo Atlántico, que se celebrou en Monforte o xoves, 9 de marzo. A proposta terá que recibir a confirmación oficial da Comisión Executiva que está prevista para finais do presente mes.

A Bienal de Pintura, foi convocada o pasado 15 de febreiro e os artistas galegos e portugueses teñen ata o día 15 de marzo para remitir as súas obras. O sábado, 18, o xurado procederá á selección das obras que formarán parte da exposición itinerante da bienal asi como dos gañadores dos premios nas súas diferentes modalidades. A Cámara Municipal de Vilanova de Gaia será, nesta VII edición, o municipio anfitrión da exposición inaugural e da entrega dos premios, nun acto que se desenvolverá, entre os últimos días do mes de abril e os primeiros de maio de 2006, nunha data que está aínda por precisar.

A Comisión Delegada de Cultura celebrouse na sede de Expo-Llemos, o centro comarcal da Terra de Lemos, e contou coa presencia do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez e a concelleira de Cultura da cidade anfitriona, Alicia Cadarso, así como cunha nutrida representación de concelleiros, vereadores e técnicos de cultura das cidades do Eixo Atlántico, ademais do alcalde de Vila Real, Presidente da Comisión Delegada de Cultura, Manuel do Nascimento Martíns, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

Axenda Cultural

A Comisión deu luz verde á edición dunha Axenda Cultural do Eixo Atlántico, publicación que terá por obxecto anunciar en toda a Eurorrexión os acontecementos culturais máis relevantes das 18 cidades, de xeito que sirvan de elementos de atracción turística. A axenda está encardinada na liña establecida polo propio Eixo Atlántico para acadar a máxima difusión daqueles elementos que potencien o turismo cultural de calidade, ó mesmo tempo que facilitar recursos que animen ós cidadáns da eurorrexión a facer turismo interior, a partires da oferta cultural de máis alto nivel que se desenvolve nas cidades. O precedente foi a publicación adicada á potenciación do patrimonio cultural arquitectónico e artístico, que cunha tirada de 150.000 exemplares acadara unha gran acollida e difusión.
Descargar todas as imaxes